Catro décadas despois da chegada dos seus restos á Galiza, Castelao mantense no centro do debate

Tereixa Navaza, Lois Diéguez, Xosé Luís Barreiro Rivas e Xusto Beramendi analizan os feitos daquel 28 de xuño de 1984
Malia a carga policial e a violencia dos enfrontamentos, o féretro de Castelao foi unanimemente aplaudido. (Foto: Tino Viz / ANT)
photo_camera Malia a carga policial e a violencia dos enfrontamentos, o féretro de Castelao foi unanimemente aplaudido. (Foto: Tino Viz / ANT)

O regreso dos restos de Castelao á Galiza non foi exactamente o que todos esperaban. As imaxes da policía cargando contra os manifestantes convocados polo BNPG, que rexeitaban o que consideraban unha manipulación do patrimonio ideolóxico de Castelao quedan na lembranza como un dos momentos máis tensos do período. E a voz valente da xornalista Tereixa Navaza lendo en TVE o Sempre en Galiza como fondo daquela batalla segue a rebordar emoción mesmo despois de catro décadas.

O réxime autonómico comezaba a funcionar, mais coa polémica entre ruptura ou reforma ecoando no ambiente. E o que era máis violento: tres dos catro deputados nacionalistas -os elixidos pola coalición formada polo BN-PG e PSG, Lois Diéguez, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido- viñan de ser expulsados do Parlamento, case un ano despois da súa conformación, por non xurar retroactivamente a Constitución, unha situación escandalosamente inédita que non se volveu repetir en toda a historia da democracia.

A proposta de traer de volta os restos do rianxeiro fora presentada por outro deputado nacionalista, Camilo Nogueira. As contradicións entre as múltiples sensibilidades aglutinadas fronte a San Domingos de Bonaval mostraban a complexidade do ambiente político da altura.

A esas contradicións apela Tereixa Navaza cando lembra aquel momento. "Eran os que se declaraban herdeiros políticos de Castelao os que estaban a protestar, os que consideraban que non se daban as condicións que o propio Castelao esixiría para regresar", declara a Nós Diario. "E, ao mesmo tempo, a chegada do féretro, coa voz de Uxío Novoneyra recitando o poema de Cabanillas Irmán Daniel, era dunha emoción inenarrábel. Pero, dalgunha maneira, creo que esa contradición segue vixente aínda hoxe: trouxeron a Castelao para agochalo definitivamente".

Xosé Luís Barreiro Rivas, vicepresidente entón da Xunta da Galiza, cre que "naquel momento, aqueles incidentes non tiveron a repercusión que hoxe se lles quere atribuír. Coincidiu que o avión se atrasou varias horas -cun atraso que podía ter unha lectura política porque se debeu a un aviso de bomba- e deu tempo a que os ánimos se caldeasen. E a carga policial coincidiu coa chegada do féretro a Bonaval, e a retransmisión televisiva magnificou algo que non pasou de ser un lamentábel incidente".

Xusto Beramendi, historiador do nacionalismo, pensa que "as cousas deberon facerse doutra maneira. O espectáculo que se montou diante do féretro foi lamentábel". Porén, recoñece que o fondo da protesta era acertado. "O que sucedeu é comprensíbel. O Goberno de Fernández Albor -que era un home ben intencionado pero que se deixaba manipular facilmente- realizou unha manobra oportunista e deplorábel, e o momento político era de moita crispación. Pero creo que debeu reaccionarse doutra maneira, que se debía respectar a presenza dos restos de Castelao polo simbolismo que implicaba. A fin de contas, polo menos na miña opinión, Castelao está mellor no Panteón dos Galegos Ilustres que na Arxentina".  

De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Lois Diéguez, Tereixa Navaza, Xusto Beramendi e Xosé Luís Barreiro Rivas.
De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Lois Diéguez, Tereixa Navaza, Xusto Beramendi e Xosé Luís Barreiro Rivas.

 

O ex parlamentario Lois Diéguez recoñece que protestar como se fixo foi unha decisión difícil de tomar. "Debatémolo moito, pero naquela altura o aparato golpista estaba a pleno rendemento e sabiamos que aquilo era, en realidade, unha manobra para borrar o pensamento político de Castelao. Dalgunha maneira, o nacionalismo tiña a obriga de velar pola súa memoria, e creo que, precisamente a partir daquela protesta, xa non lles foi tan doado manipular a súa figura. Se non fose polo nacionalismo, hoxe a memoria de Castelao tería esmorecido definitivamente".

Ausencia e presenza de Castelao

Tereixa Navaza coincide en que unha parte importante da obra de Castelao permanece na sombra. "Fálase do escritor, do dramaturgo, do debuxante... até certo punto. Pero o seu pensamento político non está presente na sociedade, fóra de ámbitos moi concienciados", afirma. "Creo que naquel momento xa existía ese duplo sentimento de alegría polo regreso -que nos equiparaba a Catalunya e a Euskadi- e de rabia pola terxiversación que se estaba facendo co seu legado. Esta contradición segue vixente".

Barreiro Rivas nega a maior, sinalando que "despois de Rosalía, Castelao é a figura máis recoñecida na Galiza. O debate que existía entón -e que segue existindo agora- é se a súa obra debe ser unha guía para o autogoberno da Galiza ou se debe ser reinterpretada de acordo cos tempos en que vivimos. A diferenza é que agora é un debate de elites".

Beramendi, non obstante, cre que a manipulación da figura e do pensamento de Castelao "é obvia: non hai máis que repasar a lista dos premiados coa Medalla Castelao. Hai persoas nesa nómina que están moi lonxe de merecer ese recoñecemento".

"E que xusto iso é o que viamos que ía ocorrer", acrecenta Diéguez. "O silencio non era unha alternativa. O nacionalismo estaba moi presente en todos os ámbitos da sociedade galega e non podía permanecer impasíbel ante aquela falsificación. Estabamos poñendo os piares da política galega do futuro e non era concibíbel que se deixase fóra un sector da sociedade. Creo que Camilo Nogueira deixouse levar pola trampa emocional daquel regreso. O que se pretendía era eliminar o nacionalismo da paisaxe política e social do país, e todo baixo o paraugas dun recoñecemento puramente cerimonial, sen ningún fundamento político".

Unha xornada porá en contexto os sucesos do 28 de xuño de 1984

Este sábado, 29 de xuño, a federación de asociacións culturais Galiza Cultura, que acubilla o tecido asociativo do sector no país, organiza, desde as 9.45 horas, no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, a xornada Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación, coincidindo co cuadraxésimo aniversario da traída dos seus restos a Santo Domingos de Bonaval.

Ás 9.45 horas e despois da presentación de Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura, e Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega, desenvolveranse tres palestras que terán como eixo dar contexto á traída dos restos de Castelao, o seu pensamento político e como na actualidade está a ser tratada e dignificada a súa figura, a cargo do investigador e crítico literario Francisco Rodríguez, o docente e escritor Manuel Rei Romeu e a profesora María Pilar García Negro. A quenda da mañá fecharase coa mesa redonda, A vitoria de non xurar, presentada por Guillerme Vázquez, licenciado en Medicina e Cirurxía e ex portavoz nacional do BNG, na que participarán Lois Diéguez, escritor, e Claudio López Garrido, economista, ambos expulsados do Parlamento galego en novembro de 1982.

Desde as 16 horas, a xornada seguirá coa proxección dun audiovisual sobre a contorna e a propia data da traída dos restos de Castelao, prólogo á mesa redonda Verdade e dignidade na información, coa participación dos xornalistas Tereixa Navaza, Xan Carballa e Afonso Eiré, moderada por Margarita Ledo Andión, xornalista, escritora e cineasta.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios