sábado 31/10/20
Cultura

A COVID-19 afoga as profesionais da narración oral

A Xunta non responde as demandas máis urxentes do sector, mais di traballar nun plan de "reactivación do tecido cultural"
Celso F. Sanmartín con Leilía
na gala inaugural do Festival Atlántica 2019.
Celso F. Sanmartín con Leilía na gala inaugural do Festival Atlántica 2019.

Pandemia si... Pero de contos! Así decidían desde o colectivo de Narración Oral Galega (NOGA) facer fronte ao confinamento, na procura de amenizar a crianzas e adultas a estancia nos lares nunha situación tan incerta e complexa. Mais o momento que elas atravesan é tamén especialmente dramático. Consonte a outros sectores das artes vivas, o da narración oral trae consigo certas particularidades que o colocan, se cabe, nunha delicadeza e fraxilidade maiores, cunha dependencia moi alta das entidades públicas.

"O 13 de marzo quedamos sen traballo directamente, foi un borrado total dun día para outro", asegura a representante do colectivo, que prefire non dar o seu nome pois entende que fala por todas as voces que compoñen NOGA. "Pasei de contar en auditorios con 300 nenas e nenos a non ter traballo", engade. Isto débese á paralización case total da actividade que para elas supuxo o feche de escolas, bibliotecas e museos, os seus focos principais de actuación.

"Non queren dicir cancelado, senón suspendido, pero para nós é o mesmo", indican desdeNOGA

Ante esta situación, o conxunto das narradoras decidiu dirixirse á Administración. Mantiveron a semana pasada, na quinta feira 23 de abril, unha reunión con Anxo Lorenzo, director de Políticas Culturais, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na que lle trasladaron unha serie de medidas que sitúan entre a inmediatez e o longo prazo. Para as que consideraban máis urxentes, a resposta foi de maneira xeral a incapacidade.

Unha das principais dúbidas de NOGA era saber se a Xunta tiña algún plan concreto, "máis non é así", declaran. Durante a reunión, Lorenzo aclarou que non se sabe cando se vai volver á normalidade do sector e fala dun "arco de recuperación paulatina que hipoteticamente se resolvería entre 2021 e 2022". "Díxonos que estaban a agardar, pero que a idea era reactivar o tecido cultural", explica a narradora.

A Xunta descarta unha resposta inmediata

A prioridade do colectivo colócase na liquidez inmediata, nun contexto de parálise total da actividade económica. Por iso, centraban nelas as súas reclamacións máis urxentes, que toparon coa imposibilidade por parte da Consellaría de Cultura para, por exemplo, adiantar o pago dos contratos previstos.

A resposta institucional aludiu a que, segundo a actual Lei de contratos, só se pode remunerar o traballo realizado, polo que isto resultaría improcedente. Doutra banda, ante a posibilidade de dar préstamos a fondo perdido, a resposta tamén foi negativa. Conscientes de que os que ofrece o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) teñen unha serie de contrapartidas pouco realistas co sector, ofrecerían medidas para os adaptaren, máis que ficarían en mans do IGAPE.

Outra das dúbidas das narradoras aludía a información sobre os protocolos que haberá que empregar. Segundo indican a Nós Diario, a Xunta aínda non ten certezas a este respecto, mais comprometeuse a informar puntualmente sobre os cambios nas medidas sanitarias. 

Ler Conta Moito

O programa Ler Conta Moito resulta unha prioridade para as narradoras galegas, que desenvolven unha parte fundamental da súa actividade neste marco. "A Administración asegurounos o seu mantemento, á espera da autorización necesaria para poder levalo a efecto", sinalan desde NOGA.

Así mesmo, houbo un compromiso para estender os prazos de xustificación de gastos dos concellos até finais de ano, coa posibilidade de que se poida programar funcións até novembro, sempre que as condicións o permitan. Unha das propostas de NOGA pasaba pola prolongación do programa até marzo do ano seguinte, procurando evitar "ocos" nas campañas, explícannos, mais a Consellaría xustificou que isto non sería viábel por mor dos prazos burocráticos que manexan. A súa idea é sacar en decembro de 2021 a convocatoria para o Ler Conta Moito de 2022.  Iso si, "dixéronnos que haberá flexibilidade cos espazos, para adecualos ás medidas sanitarias", engaden.

Cancelación eufemística

"Non queren dicir cancelado, senón que falan de 'suspendido temporalmente', pero para nós significa o mesmo", reivindica a voceira de NOGA fronte á resposta que obtiveron a respecto desa sorte de stand by no que fica a programación axendada nas bibliotecas Nodais en 2021.

Doutra banda, a Xunta mostrouse aberta á proposta de crear "unha rede de espazos de narración oral por toda a Galiza" que iría dirixida a público quer infantil quer adulto. Igualmente, observan con certa esperanza os comentarios de Valentín García arredor da creación dunha plataforma web de contidos que incluirían contadas de historias remuneradas, que vería a luz no prazo máximo de dúas semanas.

"Queremos confiar no que nos din, pero non temos seguridades", indican desde NOGA. Unha procura de certezas fundamental para as que viven "de contar" e que enfrontan, igual ca moitas, dificultades mesmo para pagar o aluguer. Manifestan por iso preocupación ante a "aparente falta de medidas ofrecidas polas autoridades", á agarda do prometido plan de reactivación.
 

comentarios