Impulsan unha iniciativa para que A Coruña sexa 'Cidade da literatura'

A Unesco outorga esta distinción aos municipios que teñen no mundo do libro e a edición un dos seus "principais brillos".
Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
photo_camera Vista aérea da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda promove o proxecto 'A Coruña literaria', unha iniciativa que ten como obxectivo conseguir o recoñecemento do municipio como 'Cidade da literatura', galardón que a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) outorga ás localidades que teñen no mundo do libro e a edición un dos seus "principais brillos".

A asociación leva "varios meses" elaborando materiais, a páxina web e roteiros literarios para dar a coñecer e publicitar todo o que A Coruña fixo "no pasado, no presente e o que está por facer arredor do libro e a lectura".

Así o explicaron esta terza feira na presentación deste proxecto, nunha comparecencia informativa na que participaron a presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, e dous dos seus membros, Jorge Castro e Carmela Galego, así como o escritor Manuel Rivas.

De feito, Rivas destacou que "o máis apaixonante destas propostas é o redescubrimento de nós mesmos e do lugar no que vivimos", e afirmou que a cidade herculina "xa é literaria". "O marabilloso é a condición de vangarda creativa incesante que é a historia da Coruña", sinalou a respecto da cidade, á que comparou cunha rosa dos ventos na que "os ventos son a liberdade, a marabilla, a rebeldía, a creatividade".

María Xosé Bravo, pola súa parte, coincidiu co escritor en que o "importante" deste recoñecemento "é o camiño, que che fai máis rico e axúdache a aprender multitude de cousas, non tanto o final".

Así mesmo, Carmela Galego salientou o mapa literario que contén a páxina web deste proxecto, unha ferramenta "moi visual" que mostra puntos estratéxicos na cidade.

Desde o ano 2004, 28 localidades obtiveron o recoñecemento de 'Cidade da literatura'. A primeira en conseguilo foi Edimburgo, en Escocia. No Estado español, Granada e Barcelona posúen este galardón.

Comentarios