A Coruña homenaxeará a actriz María Casares

O coordinador da programación, Xosé Aldea, coa alcaldesa, Inés Rei. (Foto: Andy Pérez)
O Goberno local de Inés Rei anunciou esta terza feira a súa intención de darlle un papel protagonista á actriz no ano 2022, co gallo do centenario do seu nacemento. A alcaldesa asegurou que esta "gran dama do teatro" merece que lle dean "o lugar que, por xustiza, lle corresponde". En consecuencia, tecerase unha ampla axenda cultural na cidade.

A artista coruñesa María Casares, que dá nome a un dos premios máis importantes do teatro galego, será lembrada cunha ampla axenda de actividades auspiciada polo Concello da Coruña para 2022. Esta homenaxe da veciñanza chegará co gallo do centenario do nacemento da artista. 

A alcaldesa da cidade, Inés Rei, explicou esta terza feira a orixe desta proposta, que busca darlle a Casares “o lugar que, por xustiza, lle corresponde”. 

Rei, que estivo acompañada no acto polo xestor cultural e coordinador da programación, Xosé Aldea, remarcou cuestións da personalidade e traballo da actriz como a súa “loita pola igualdade”. 

Na súa opinión, foi unha “gran dama do teatro”, cuxo labor tivo especial desenvolvemento en Francia, a onde se exiliou con só 13 anos. 

Entre o calendario de propostas culturais que verán a luz está a publicación de cadernos didácticos xa en xaneiro e a saída do prelo dunha biografía en banda deseñada.

Así mesmo, o Kiosko Alfonso vai acoller unha exposición con máis de 250 pezas vinculadas a María Casares no mes de maio. 

Un encontro profesional e visitas de tipo teatral

Igualmente, avanzouse que o Goberno local artellará visitas teatralizadas e unha ruta urbana guiada na que se falará sobre a súa figura. O xestor Xosé Aldea engadiu que vai ter lugar, dentro dun ano (en novembro de 2022), un encontro profesional internacional que levará por título "María Casares. Cen anos de vida". 

De feito, o vencello da coruñesa con Francia non quedará sen lembrar en diferentes iniciativas, e mesmo as bibliotecas municipais e os teatros coruñeses darán paso a creacións con Casares como gran  protagonista.