Convocada a XXV edición dos Premios de Teatro María Casares para setembro

A gala de entrega dos premios do teatro, que desta volta chega á súa vixésimo quinta edición, desenvolverase o 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
PMC_2
photo_camera Figuriña de María Casares elaborada por Paula Pereira Carreiro -de Cavalinho do Demo- coa que se agasalla as gañadoras. (Foto: Alberte Peiteavel)

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) abriu o prazo de inscrición para aqueles espectáculos teatrais que queiran concorrer á XXV gala de entrega de Premios de Teatro María Casares, que decorrerá no vindeiro outono, o día 9 de setembro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

O prazo para inscribir os espectáculos iniciouse nesta segunda feira e permanecerá aberto até o día 10 de maio, e ten como novidade, na segunda edición da era Covid-19, a posibilidade non só de inscribir aquelas pezas teatrais estreadas ao longo de 2020, senón tamén as que o fixeran no primeiro trimestre de 2021 e no último de 2019, sempre en cando non concorreran xa á anterior edición dos premios.

A finais do mes de xuño coñecerase a relación de finalistas das 14 categorías nas que se dividen os premios, entre elas, mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actor e mellor actriz protagonistas. 

A AAAG que é, ademais da organizadora desta entrega de premios, unha asociación sindical que reúne máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, fixo público mediante comunicado de prensa esta nova convocatoria, así como a mecánica pola cal se seleccionarán as pezas e profesionais que opten a premio.

Alén de ampliar o prazo de estrea das obras para poder concorrer á convocatoria, facéndoa extensiva desde o último trimestre de 2019 até o primeiro de 2021, a AAAG explica que “unha vez fechado o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións” para as que se conta cun censo de 450 actores e actrices, programadoras, críticos ou xornalistas. 

Unha vez escollidos os finalistas en cada un dos 14 apartados a concurso, terá lugar a segunda quenda de votación, da que sairán as persoas gañadoras nesta XXV edición dos María Casares.

As categorías premiadas

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e desde aquela son “o grande escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector”, defenden desde a AAAG. 

En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do teatro, que neste 2021 corre a cargo de Evaristo Calvo.

Comentarios