Un concerto e Ian Gibson para celebrar o centenario da primeira viaxe de Lorca a Galiza

O guitarrista Samuel Diz presentará o 27 de outubro o seu disco ‘Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca’, nun espectáculo en diálogo cun dos maiores coñecedores da figura do poeta, o hispanista Ian Gibson. 

lorca-betanzos
photo_camera Lorca en Betanzos en maio de 1932 [arquivo de Martínez-Barbeito]

Coincidindo co centenario da primeira viaxe de Federico García Lorca a Galiza, Santiago de Compostela acollerá, o vindeiro 27 de outubro, un espectáculo singular para afondar na figura do escritor e na súa vinculación con esta terra, que terá lugar ás 20:30 horas no Salón Teatro, organizado pola Xunta de Galicia.

Música, palabra e pensamento centrarán un concerto especial no que o guitarrista Samuel Diz presentará o seu traballo discográfico ‘Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca’, en diálogo cun dos maiores coñecedores da vida e da obra do poeta, o hispanista Ian Gibson. 

O xermolo deste espectáculo conmemorativo atópase nas impresións que Lorca anotou no seu caderno durante o seu periplo formativo en Galiza –nunha viaxe organizada polo seu profesor Martín Domínguez Berrueta para que os seus alumnos coñecesen o patrimonio do norte de España– e que despois se publicaron no que foi o primeiro libro do poeta, ‘Impresiones y paisajes’, título que lle dá nome ao traballo discográfico que se presentará no concerto conmemorativo.

Esa viaxe de estudos en 1916 foi para Lorca unha descuberta inicial da paisaxe de Galiza, da obra de Rosalía de Castro, á que despois seguiría a construción dunha fonda amizade con escritores e intelectuais galegos como Blanco Amor, Dieste, Guerra da Cal, e músicos como Bal y Gay.

Samuel Diz propón para este concerto conmemorativo da primeira viaxe de Lorca a Galiza unha escolma de pezas do seu novo traballo discográfico, no que recupera a música dalgúns dos principais protagonistas da Xeración do 27.

No espectáculo, que será de entrada gratuíta até completar a capacidade, o guitarrista de Tui tamén se acompañará da voz da compostelá asentada en Madrid Carolina Alba, locutora de Radio 3, que será a encargada de declamar unha escolma de textos xornalísticos e de fragmentos da obra lorquiana.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios