Venda do Popular: CIG pide que se investigue o papel do Banco de España e Ministerio de Economía

banco popular

“ A caída do Banco Popular, a sexta entidade do Estado e a segunda en Galiza, demostra que os problemas persisten e non están resoltos na banca do Estado español, ao tempo que poñen en evidencia que a nova lexislación baseada no deixar facer dogmático neoliberal, non mudou os escenarios”. CIG-Banca considera que o desleixo a parálise e o deixar facer dos  organismos supervisores sitúa outra volta ao sector financeiro español no ollo do furacán. “Na caída do Banco Popular, a crónica dunha morte anunciada, repetíronse os mesmos esquemas das crises de Bankia ou das Caixas Galegas”.

Para a central sindical nacionalista chama a atención “a falta de actuación do supervisor, fronte os ataques en bolsa que facilitaron a compra da entidade por 1 só euro”. Á vista dos feitos, argumenta, tería sido lóxica unha suspensión da cotización en bolsa que evitara a desvalorización da entidade, “coas conseguintes perdas para as persoas con accións ou outro tipo de valores, entre as que se encontran os propios traballadores e traballadoras”.

“Especialmente grave semella a actuación do Banco de España que, como no pasado, semella máis preocupado por impulsar recortes sociais e laborais que por vixiar a boa marcha do sistema financeiro”. Por iso, a central sindical reclama a dimisión inmediata do actual Gobernador Luis María Linde.

Pastor

CIG considera que, a priori, a fortaleza do Banco Pastor en Galiza debería minimizar o impacto. “Parece lóxico que a dirección do Banco Santander actúe dun xeito racional mantendo unha rede saneada, cun gran equipo de traballadores, e que achegará ao banco un volume de negocio que dificilmente tería podido acadar o Santander por si só”. En todo caso, incide a CIG, xa estuda o posible impacto sobre o emprego desta operación.

Comentarios