A compañía teatral Malasombra leva o auxe da ultradereita aos escenarios

'Vox Populi', con texto de José Prieto, é a primeira ópera rock da Galiza.
Elenco de 'Vox Pópuli'. (Foto: Malasombra)
photo_camera Elenco de 'Vox Populi'. (Foto: Malasombra)

A compañía teatral Malasombra Producións presentou esta terza feira en Narón, comarca de Ferrol, o seu novo espectáculo. Con formato de ópera rock, Vox Populi é unha montaxe con texto e dirección de José Prieto na que participan unha ducia de actrices e actores que interpretan en directo cancións orixinais.

A idea sobre a que está montada Vox Populi parte do actor Xoque Carbajal. A obra, considerada a primeira ópera rock da Galiza, estrutúrase sobre a posibilidade da implantación de réximes autoritarios en sociedades democráticas a partir do auxe dos partidos e discursos de extrema dereita en todo o mundo nos últimos anos.

Carlos Mosquera 'Mos' é o autor das cancións orixinais do espectáculo; exerce ademais como director musical e forma parte do elenco, xunto con Susana Sampedro, César Goldi, Paku Granxa, Bea García, Paula Pier, Xoque Carbajal, Celia González, Brais Iriarte, Pablo Leira, Chechu Mosquera e Lorena Cachito.

Sinopse

Vox Populi representa un cidadán calquera que esperta pola mañá "coa ilusión de ir votar nas eleccións". A ilusión vólvese desencanto e frustración ao darse conta de que ningún dos candidatos e das candidatas o representan. Cando case se decide pola abstención, achégase a el unha militante dun novo partido "que o escoita, que o entende, que o apoia e o defende". O cidadán recupera a fe perdida e vota polo novo partido, o que fará que chegue ao poder para converter o sistema nun réxime autoritario.

A obra estréase esta sexta feira, 20 de xaneiro, no Pazo da Cultura de Narón, representándose tamén o sábado, 21 de xaneiro. A seguinte presentación será a próxima sexta feira, 27 de xaneiro, en Arteixo.

Comentarios