Como e onde ver as perseidas na Galiza: guía para non perder a choiva de meteoros

O mellor momento para ver as perseidas será na madrugada do 12 ao 13 de agosto. (Foto: Europa Press)
Estes días xa se poden albiscar estrelas fugaces no ceo nocturno.

As perseidas, coñecidas popularmente como bágoas de San Lourenzo, son unha choiva de meteoros que se produce anualmente entre xullo e agosto, e que estes días serán especialmente visíbeis na Galiza.

Cando ver as perseidas?

Malia que nestas datas xa se poden albiscar estrelas fugaces no ceo durante a noite, o mellor momento, segundo as predicións astronómicas, é entre esta quinta feira, 11 de agosto, e o sábado, día 13.

O día de maior actividade será na madrugada do 12 ao 13 de agosto, se ben a lúa chea que imperará esta sexta feira pode dificultar a súa visibilidade.

A probabilidade de ver os meteoros batendo contra a atmosfera medra conforme avanza a noite, e arredor das 4 e 5 horas da madrugada sería máis doado presenciar este fenómeno astronómico.

Onde podo ver a choiva de meteoros?

A contaminación lumínica é unha importante traba para detectar as perseidas, polo que cómpre afastarse dos lugares máis afectados das cidades e buscar un sitio o máis elevado e escuro posíbel para contemplar o ceo nocturno.

Aliás, entidades como a Asociación Astronómica Sirio ou a Agrupación Ío organizarán eventos para ver as perseidas, no Observatorio Astronómico de Cerdedo-Cotobade no primeiro caso e en Muras no segundo, na madrugada da sexta feira ao sábado.

Nesa mesma data o Concello de Ponteareas organiza unha actividade no Castro de Troña, e a Casa das Ciencias da Coruña permite toda esta semana asistir á choiva de meteoros desde as súas instalacións.

O certificado Starlight

Retomando o caso de Muras cómpre salientar que o concello conta co certificado Starlight, outorgado pola fundación homónima e que garante unha "excelente calidade" da visualización do ceo.

Na Galiza, alén de Muras, teñen a certificación de 'destino turístico Starlight' o parque nacional das Illas Atlánticas e Pena Trevinca. Aliás, o Faro de Avión é denominado 'paraxe Starlight', polo que estes son tamén lugares óptimos para gozar das perseidas.