As Perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de alta actividade que sucede de maneira anual durante os meses de xullo e agosto, presentando unha maior actividade o 12 de agosto, é dicir, pasadomañá. Se ben as Perseidas son a terceira chuvia de estrelas de maior importancia ao longo do ano, resultan as máis populares tanto na Galiza como, en xeral, en todo o hemisferio Norte, dado que teñen lugar no mes de agosto, no que o bo tempo e a existencia de vacacións estivais resultan moi apropiadas para o seu desfrute.
O rexistro máis antigo que se ten deste fenómeno data do ano 36 d. C., nunha documentación chinesa que recollía a existencia dunha gran actividade de meteoros nesas datas; mais non sería até o século XIX cando se confirmaría que dita chuvia se producía de maneira cíclica e cal era a súa causa. Esta actividade de meteoros está orixinada polo cometa 109P/Swift-Tuttle, cuxa órbita se aproxima periodicamente á da Terra e está provocada polo impacto dos fragmentos, a maioría deles moi pequenos, que desprende no seu percurso e que se volatilizan ao entraren en contacto coa atmosfera terrestre.
Foi descuberto por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle o 19 de xullo de 1862. O corpo celeste proxenitor das Perseidas presenta un diámetro de 26 km e a súa órbita arredor do sol ten unha duración de 135 anos. A última vez que se puido ver desde a Terra a simple vista foi no ano 1992, no que se produciu unha extraordinaria intensidade de meteoros que foi progresivamente descendendo até a actualidade. Prevese que no ano 2026 haxa outro pico de actividade.
Mito e relixión
Se ben esta resulta a súa orixe real e científica, as Perseidas tamén contan cunha explicación relixiosa e mitolóxica. A denominación Bágoas de San Lourenzo débese a que hoxe, 10 de agosto, un par de xornadas antes da noite que máis actividade presenta na visualización dos meteoros, é o día de San Lourenzo. A lenda cristiá conta que a chuvia sucede dous días despois da festividade recordando o martirio do santo que foi queimado vivo en Roma.
A historia conta que foron as bágoas de San Lourenzo as que, durante a agonía final, caeron do ceo a modo de estrelas, dando lugar ás Perseidas.
A mitoloxía grega tamén ten unha explicación da chuvia de meteoros, quizais algo máis romántica que a cristiá. Segundo a tradición, as Perseidas homenaxean a constelación de Perseo, unha das 48 descritas por Ptolomeo e lugar desde onde proveñen os meteoros. A lenda conta que Zeus, namorado da ninfa Dánae, tivo que metamorfosearse para poder acceder a ela, e decidiu facelo a modo de chuvia dourada. Daquela noite que pasaran xuntos naceu Perseo; de aí a denominación de Perseidas, que en grego significa ‘fillas de Perseo’.
Onde ver as Perseidas
Na Galiza e no resto do hemisferio Norte, as mellores noites para desfrutar das Perseidas son as do 10, 11 e 12 de agosto, pois é o momento no que a Terra atravesa a zona de maior densidade da estela do cometa. Sempre será necesario, obviamente, que o ceo estea despexado, e axudará en gran medida a ausencia de lúa. Se ben a mellor forma de ver o maior número posíbel de meteoros é con prismáticos ou telescopio, as Bágoas de San Lourenzo son perfectamente visíbeis a simple vista. Nas tres noites citadas, pódense chegar a observar até 60 ou 70 meteoros fugaces cada hora e a comunidade astrónoma asegura que, en certos momentos da madrugada e con moi boa visibilidade, o número pode ascender aos 150. Aínda que son visíbeis na totalidade do firmamento, percíbese unha maior concentración de meteoros sobre o horizonte Norte-Leste.
GCiencia, o blog de xornalismo divulgativo, identifica os dez os mellores lugares para desfrutar das Perseidas na Galiza. Un deles é o Observatorio de Forcarei, que adoita levar a cabo xornadas de portas abertas durante os días de maior actividade; outro, a contorna do faro Punta Nariga, en Malpica, un recuncho moi prezado para as persoas amantes da astronomía dado que non presenta apenas contaminación lumínica; e Chandebrito, no concello de Nigrán.
Outros lugares idóneos son o Alto de Fontefría, na Cañiza, ou o espazo natural de Pena Trevinca, no concello da Veiga, xa recoñecido como destino Starlight, unha certificación que acredita aqueles lugares que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación, nos que a observación do firmamento se integra no patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico do espazo, fomentando o turismo. Outro destino Starlight é o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes son lugares perfectos desde os cales poder contemplar as Perseidas.
Divulgación
Outros destinos recomendados son o concello de Guitiriz, concretamente a Área de San Xóan, e tamén Oia, Lobios e o Monte Gaiás, en Santiago de Compostela, onde o observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza visitas astronómicas con charlas explicativas sobre o fenómeno. Este verán non será menos; o observatorio está a impartir sesións, nun total de 22 concellos galegos, que comezaron o 15 de xullo e continuarán durante este mes de agosto e tamén setembro.
As sesións de divulgación astronómica consistirán nunha charla introdutoria que vén seguida de observacións. Durante o evento, o público recibirá información sobre as características físicas dos astros que se observan, sobre mitoloxía e sobre outras cuestións relacionadas.
O director do Observatorio e profesor da USC, José Ángel Docobo, explica que o obxectivo é que as sesións sexan “non só un interesante encontro científico-cultural, senón tamén unha forma de pasalo ben dun modo seguro nas nosas fermosas noites estivais”. Algúns dos concellos que contarán co programa, enmarcado nas iniciativas As estrelas do camiño e Camiños de Estrelas, son Padrón, Teo, Lalín, Noia, Boqueixón, Sanxenxo, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Allariz, Santa Comba, O Grove, Monforte de Lemos e Vedra. Para asistir ás sesións, cómpre realizar unha inscrición previa desde a propia páxina da USC, na que tamén se pode atopar unha información completa dos contidos e dos horarios do programa divulgativo.