Comeza o festival de arte urbana con perspectiva de xénero Delas Fest

Delas Fest, o festival de arte urbana con perspectiva de xénero, deu comezo co traballo de Susana Blasco 
Intervención de Susana Blasco no festival Asalto (Foto: Delas Fest)
photo_camera Intervención de Susana Blasco no festival Asalto (Foto: Delas Fest)

Delas Fest, o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, comezou a súa terceira edición en Brión. 
O evento, impulsado por 7H Cooperativa Cultura, leva a diferentes espazos da bisbarra santiaguesa intervencións artísticas e actividades para todos os públicos orientadas a “democratizar a expresión artística na rúa e a contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que traballan no espazo público”, sinalan desde a organización.
Na xornada de onte en Brión, a deseñadora gráfica, ilustradora e colaxista Susana Blasco, realizou unha instalación fotográfica de gran formato na fachada do instituto local. A artista, gañadora do Premio Gràffica en 2017, creou unha peza baseada na colaxe de diversos retratos fotográficos femininos recompilados nas últimas semanas pola veciñanza de Brión participante na convocatoria “Anfitriónate”, lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local.

Obradoiros de graffity


Ademais, o municipio tamén acollerá catro obradoiros formativos-experimentais en arte urbana que se ofrecen de balde no marco do proxecto de Silvia Rodríguez Pena, “Sax”, unha das graffiteiras máis veteranas de Europa. Nestes talleres, que terán lugar ao longo do domingo 4 de xullo no centro de educación secundaria local, Pena ensinará o perfeccionamento na técnica do spray.


Programación noutros tres concellos


O resto das protagonistas do cartel desta edición de Delas Fest, que se desenvolverá semanalmente en cada un dos catro concellos implicados (Brión, Ames, Santiago e Teo), son a muralista e ilustradora Marina Capdevila, que realizará unha obra con pintura plástica no Auditorio Constante Liste de Teo entre o 5 e o 11 de xullo; a creadora multidisciplinar Doa Oa, quen pintará un mural en Ames do 12 ao 18 de xullo; e a artista visual Lily Brick, encargada de realizar unha intervención a spray no barrio de Pontepedriña, en Santiago de Compostela, entre o 19 e o 25 de xullo.
Así se completa a terceira edición deste proxecto, nado en 2019, que "aposta por construír espazos de creación e experimentación artística desde unha perspectiva feminista e contextual" pola cooperativa 7H co apoio da Deputación da Coruña, os concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo, ademais dunha decena de patrocinios de diversas empresas galegas.

Comentarios