Cineuropa impulsa a interactividade para adiviñar a temática desta edición

O festival, que sumará 35 anos, terá lugar do 8 ao 24 de novembro en Compostela. Malia que polo de agora estase a xogar co público a descubrir o eixo vertebrador da axenda, xa se anunciaron os espazos das proxeccións entre os que estarán o Museo das Peregrinacións, o Auditorio da Galiza, o Teatro Principal e o Salón Teatro, entre outros.
Cartel promocional da pasada edición, no Teatro Principal. (Foto: Cineuropa)
photo_camera Cartel promocional da pasada edición, no Teatro Principal. (Foto: Cineuropa)

A organización de Cineuropa anuncia nova edición do festival, que chegará aos 35 anos, pero mantén gardado o segredo sobre o eixo temático central que vertebrará a axenda e xoga co público, ao que convida a interactuar opinando sobre cal pode ser ese camiño. Así, impulsou un sorteo, cuxa data límite para participar a través das redes sociais oficiais do certame é hoxe mesmo ás 23.59 horas, como punto de partida para "quentar motores" nas rúas de Compostela. 

Antes de que os filmes cheguen ás salas e as billeteiras boten fume, Cineuropa busca espertar o interese despois dunha edición moito máis pausada e de formato reducido como a do ano pasado, que se viu afectada polas restricións da pandemia. 

A priori este ano haberá máis butacas dispoñíbeis e menos medidas limitadoras para que as persoas amantes do cinema gocen das diferentes propostas, e iso xustifica que as programadoras intenten mobilizar a cidadanía como antes de topar coa Covid-19 e ficar coa actividade cultural moi recortada. 

O convite tivo éxito e as ideas non paran de sucederse. Hai quen pensa que "a vida" será o tema, mentres que outros apostan polo "tempo". Outras das ideas que se poden atopar nas respostas no Instagram son "a guerra", "a loucura", "a inmortalidade", "a ansiedade", "a música" e mesmo "os extraterrestres", entre as máis dispares opinións.

Mentres tanto, no Facebook, no Instagram... A organización vai facendo anuncios, se ben na páxina web aínda fican os datos de 2020, que mudarán en breve pola información da XXXV edición, que vai ter lugar entre o 8 e o 24 de novembro. 

É dicir, en nada daranse a coñecer os nomes de convidadas e convidados e tamén das propostas culturais dado que a inauguración terá que decorrer a próxima segunda feira, 8 de novembro, ou antes. 

Á espera das entradas, transcenden os lugares

Polo de agora distribuíuse un vídeo a modo de pista, no que latexa un corazón dourado. Tamén se sabe que están escollidas as persoas que serán parte no Xurado Novo, todas elas cun rango de idade comprendido entre os 18 e os 25 anos. 

Por outra parte, malia que aínda non hai entradas á venda, aclarouse que as proxeccións decorrerán no Auditorio da Galiza, o Teatro Principal, o CDG-Salón Teatro, os Multicines Compostela, o Numax e mesmo algunhas das instalacións do Museo das Peregrinacións da cidade. 

Comentarios