Cineuropa premia a Alfonso Zarauza, Margarita Ledo e Javier Gutiérrez

O festival comeza en Compostela esta sexta feira. Até o próximo 22 de novembro proxectaránse case 100 creacións audiovisuais entre ficción e documentais
Un momento da presentación do Cineuropa.
photo_camera Un momento da presentación do Cineuropa. (Foto: Europa Press)

O festival Cineuropa regresa a Compostela esta sexta feira con case 100 longametraxes de ficción e documentais. Porén, unha das partes máis destacadas desta edición, que chega aos 34 anos coa pandemia enriba, será o recoñecemento ao cinema galego. Xa se anunciou que os galardóns de 2020 se destinan á cineasta e escritora Margarita Ledo; ao director e guionista Alfonso Zarauza; e ao actor Javier Gutiérrez.

As súas traxectorias serán destacada malia a situación epidemiolóxica, que obriga a que os catro espazos que acollerán as proxeccións (Salón Teatro, Auditorio da Galiza, Teatro Principal e Sala Numax) restrinxan a súa capacidade máxima a 30 persoas. 

Ademais, haberá que saír entre sesión e sesión para que se fagan labores de desinfección. "O consumo de cinema en salas está empiricamente demostrado que é cultura segura", garantiu onte o director do evento, José Luis Losa.

Un programa intenso até o día 22 de novembro

As proxeccións dos filmes sucederanse até o domingo 22 cunha programación na que están representadas 38 nacionalidades diferentes, aínda que o 11% dos proxectos audiovisuais que se darán a coñecer serán traballos galegos.

Esta edición manterá as proxeccións internacionais con cintas premiadas nos festivais de Berlín, Róterdam, Venecia, San Sebastian ou Sitges.

Tamén haberá espazo para estreas absolutas en España, como o documental brasileiro Narciso em férias, sobre a detención do músico Caetano Veloso en 1968, durante a ditadura militar.

En concreto, a organización distribuíu todos os contidos nunha ducia de seccións, ademais das xa recoñecidas Sección Oficial Europea, Docs Cineuropa e Fantastique Compostela, entre outras.

Comentarios