Hoxe inaugúrase a exposición que mostra a traxectoria do grupo

Cincuenta anos con Fuxan os Ventos

Fuxan os Ventos recibindo o Premio de Honra na última edición dos Premios Martín Códax da música, o pasado 5 de outubro.

O grupo de música galego Fuxan os Ventos inaugura hoxe, no Vello Cárcere de Lugo, unha mostra para celebrar o seu 50 aniversario. A exposición, que poderá visitarse até o 22 de xaneiro de 2023 e que leva por título Fuxan os ventos. 50 anos de historia, pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal. 

"Percorrer a historia de Fuxan os Ventos é percorrer a Historia da Galiza das últimas cinco décadas". Quen así se expresa é Sabela Fraga, comisaria da exposición que desde hoxe e até o próximo 22 de xaneiro poderá verse no Vello Cárcere de Lugo. Cincuenta anos da traxectoria dun grupo que acadou unha inmensa popularidade e que transformou as súas cancións en símbolos de moitas loitas e moitos anhelos populares. 

"O ser o Vello Cárcere un espazo de memoria, facilitounos moito a introdución do contexto sociopolítico no que se desenvolve a carreira de Fuxan os Ventos -o final do franquismo e o inicio a democracia, con todos os seus sobresaltos- e sen o que non se comprenden ben a magnitude histórica do grupo", explica a comisaria da mostra. "Ademais, a estrutura de panóptico da sala permite contemplar nun só golpe de vista todo o desenvolvemento da súa carreira". 

A exposición divídese en tres bloques temáticos. No primeiro, fálase do sustrato de onde xorde o grupo, da ligazón cos coros e coa canción protesta, tan en boga naqueles tempos de efervescencia política. O segundo, é un percorrido cronolóxico por unha traxectoria que abrangue o comezo da Nova Canción Galega, a recollida de pezas populares, o compromiso coa defensa da lingua e a identidade, a recuperación e posta en valor de poetas en lingua galega... e todo un ronsel de causas culturais e políticas que animaron a carreira do grupo. 

O terceiro bloque apela a ese universo creativo formado por unha mestura de cultura popular, música e poesía que foi conformando as referencias fundamentais de Fuxan os Ventos. 

"Tivemos a sorte de contar con arquivos maioritariamente inéditos que poñen a disposición do público un material riquísimo: cartaces, fotografías, audios de ensaios que nunca se escoitaron, temas que foron censurados... A abundancia de materiais é extrordinaria", subliña Fraga. 

 

 

Cultura popular e resistencia política 

A exposición pon de manifesto a dupla significación do grupo: por unha parte, o impagábel traballo de posta en valor da cultura galega; pola outra, o compromiso político que fixo do grupo un símbolo recoñecido por todas as capas da sociedade. 

"Alén de ser un fito ineludíbel da historia da musica tradicionall da Galiza, son un elemento activo na historia do país. Participaron na loita pola soberanía, nas reivindicacións do Sindicato Labrego, na defensa da lingua... E posteriormente implicáronse en movementos reivindicativos de tanta repercusión como Nunca Máis, por poñer un exemplo ben coñecido", di Fraga. "Sen contar con que o seu pafpel na dignificación da música popular foi fundamental. Un dos seus maiores logros foi esa popularización das cantigas tradicionais que agora, grzas a eles, todo o mundo asume como propias". 

Todo ese patrimonio inmaterial queda, dalgunha maneira, ligado ao grupo e a exposición mostra como varias xeracións medraron á sombra do legado musical de Fuxan os Ventos. 

"Persoalmente, a miña experiencia favorita co grupo foi a de velos en concertos máis contemporáneos, nos que se pode comprobar que o repertorio que manexan é coñecido por todas: dá igual de que parte da Galiza sexas ou que idade teñas, todas son pezas que escoitaches algunha vez e que, posibelmente, podes cantar con eles. Esta exposición tamén ten entre os seus obxectivos continuar con es transmisión xeracional, que a xente nova coñeza de onde procede todo iso", remata Sabela Fraga.