As cifras da cultura galega: nin mellora nin empeora, senón todo o contrario

O Observatorio da Cultura Galega presentou esta cuarta feira a súa VIII Conxuntura estatística, que repasa os principais indicadores económicos do sector ao longo do ano 2023. O informe apunta á estabilidade xeral cunha lixeira tendencia á contracción e un aumento do consumo.
Un home olla libros na Cartabón. (Foto: Libraría Cartabón / José Gorís)
En 2023 publicáronse 1.857 libros en galego, a mellor cifra dos últimos 5 anos. (Foto: Libraría Cartabón / José Gorís)

O sector da cultura na Galiza non vai mal, aínda que iso non quere dicir que vaia ben. Permanece nun equilibrio de estabilidade lixeiramente á baixa. O Observatorio da Cultura Galega (OCG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de facer pública a oitava Conxuntura estatística do ámbito cultural, un documento de traballo que repasa os principais indicadores do sector ao longo de 2023, e as conclusións que se poden sacar das cifras que ofrece debuxan un panorama de estabilidade. Aínda que tamén se lle pode chamar estatismo.

Precariedade e estacionalidade

Segundo o documento, o sector cultural dá emprego a a 36.800 persoas na Galiza, unha cifra moi semellante á do anterior período analizado. Mais advirte que se produciu un descenso nesta cifra durante os últimos tres trimestres do ano. Tamén di que os datos da Seguridade Social mostran un "crecemento modesto", entre setembro de 2023 e setembro de 2024, de 216 afiliacións máis. Mais tamén matiza que este crecemento foi impulsado principalmente polos traballadores autónomos, que representan un total do 45% do sector. Quen coñece a realidade do sector cultural, sabe que esa taxa de autoemprego, na maioría das ocasións, está estreitamente asociada á precariedade laboral. E que esa proporción de autónomos é moi superior á do resto das profesións: na Galiza, en conxunto, a porcentaxe de persoas adscritas ao réxime especial de autónomas sitúase arredor do 23%.

Ademais, o OCG constata que o emprego no sector segue unha dinámica estacional acusada, con maior actividade nos meses centrais do ano. 

En canto á creación de empresas, as cifras seguen movéndose dentro desa modestia: en 2023 apareceron 135 novas firmas, catro menos que no ano anterior. O OCG define o ritmo de creación de empresas culturais como "estábel, pero menos dinámico en comparación co conxunto do tecido empresarial galego".

Apoio escaso da Administración

O gasto das administracións non axuda demasiado. A Xunta da Galiza aumentou o orzamento de cultura e normalización lingüística nun millón de euros, o que se traduce nun incremento do 1,3%, fronte ao 4,6% do total dos orzamentos da Administración galega.

A porcentaxe dedicada a cultura mantense no 0,8% do total do orzamento da Xunta desde 2021. Hai que lembrar que o Consello da Cultura Galega aconsella que  o limiar mínimo do gasto cultural estea no 1% do gasto total e que as asociacións profesionais de referencia reclaman o 2% de gasto na cultura. Calcúlase que o sector da cultura supón o 2,5% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza.

As entidades locais galegas, por outra parte, pasaron de investir 233,6 millóns de euros a 241,5, o que deixou o gasto nun 6,7% do seu total, fronte ao 7,6% do ano anterior.

Pola contra, entre as cifras destacadas do documento está o importante incremento do gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais no último ano dispoñíbel (2023), que superou os 500 millóns de euros en 2023, un 1,38% do seu gasto total.

Cifras para un optimismo moderado

Os datos de produción dalgúns dos sectores destacados da cultura indican unha evolución positiva. A produción de libros, por exemplo, mostra un crecemento destacábel, chegando aos 2.955 rexistros, o maior número desde 2011. Destes, 1.857 son en galego, a mellor cifra nos últimos cinco anos. Os datos de traducións á lingua galega, porén, non son tan positivos, cun lixeiro descenso desde o 2021 quedando en soamente 38 libros.

Os mellores datos están na literatura infantil e xuvenil, cuxa edición aumentou na Galiza un 64,3 % no 2023 respecto ao ano anterior, acadando un total de 708 libros. Mentres, a edición literaria ou a de temática científica segue a senda do crecemento modesto (71 e 53 títulos máis que o ano anterior, respectivamente), mentres que os libros de ciencias sociais e humanidades descenderon un 9% desde 2020.

Galiza rexistra un crecemento sostido das editoriais activas, mais a produción media de cada unha delas (18 libros) está por debaixo da media estatal (28).

Tamén a exhibición de cinema en sala experimentou unha recuperación importante, despois do descenso masivo que seguiu á pandemia. Aumentou o número de espectadores, a recadación e a asistencia media por habitante, aínda que sempre por baixo da media estatal.

Unha cifra declaradamente negativa para o sector é a baixada no comercio exterior de propostas culturais galegas. Entre 2019 e 2023 rexistrárase un incremento do 88% neste ámbito, mais no último exercicio deuse un descenso do 2,4% con respecto ao ano anterior. As actividades de edición, que rexistraron un descenso do 6,6%, e as de creación, artísticas e espectáculos, que tamén baixaron un 6% foron as principais prexudicadas nesta tendencia.

A oferta, a demanda e a contabilidade fiscal

Entre os produtos culturais de maior demanda entre o público están os servizos culturais, que inclúen entradas ou subscricións a contidos, e que acaparan as cifras máis alta de gasto (151,7 millóns de euros, 55 máis só no último ano), seguidos dos libros (118,2 millóns) e dos soportes de imaxe, son e datos. A seguir a tendencia de recuperación, en 2023 foron ao cine 3.2 millóns de persoas fronte aos 1,2 de 2020, que supuxo unha recadación de 20,1 millóns de euros, cifras similares ás anteriores á pandemia.

Porén, os escasos datos de consumo real dos que se  dispón en 2024, centrados nos que ofrecen as entidades bancarias sobre uso de tarxeta de pagamento, indican unha contracción do gasto en ocio e cultura.

Na contabilidade trimestral obsérvanse diferentes comportamentos. Entre 2023 e 2024, as actividades de información e comunicación, que inclúen o sector editorial e audiovisual, mostran unha tenedncia de crecemento constante e lixeiramente superior ao aumento xeral da economía. Pola contra, as actividades artísticas e recreativas, que inclúen tamén as actividades creativas e os espectáculos experimentan en 2024 unha desaceleración, tras un crecemento moderado no pasado 2023.

Comentarios