Mazaricos recupera o 'cheo total' na Festa do Bolo do Pote após a pandemia

Na degustación gratuíta do domingo servíronse perto de 1.500 racións deste prato tradicional.
Centos de persoas participaron dunha multitudinaria Festa do Bolo do Pote de Mazaricos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Centos de persoas participaron dunha multitudinaria Festa do Bolo do Pote de Mazaricos. (Foto: Nós Diario)

O bolo do pote é un dos pratos estrela destas datas en moitas localidades do país como Mazaricos, na comarca do Xallas, que desde hai 24 anos réndelle homenaxe nunha festa que durante esta fin de semana volveu rexistrar o 'cheo absoluto' após a pandemia. Os restaurantes e as rúas da Picota ficaron ateigados de comensais dispostos a gozar unha vez máis desta receita elaborada, principalmente, a base de fariña de millo e de centeo.

A degustación gratuíta do bolo do pote no campo da feira foi de novo este domingo o momento estrela da festa, organizada polo Concello de Mazaricos en colaboración coa Asociación de Amas de Casa O Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.

Servíronse ao longo da xornada unhas 1.500 racións.
Servíronse ao longo da xornada unhas 1.500 racións.

En total, a organización serviu perto de 1.500 racións deste produto acompañado de chourizo e orella de porco. O grupo de gaitas local e a Charanga Alambique amenizaron o evento coa súa música.

Coincidindo coa celebración do bolo do pote, tivo lugar tamén a tradicional quedada de coches 'Mini', que deu un toque distintivo á festa. As persoas afeccionadas do motor participaron tamén neste grande evento de exaltación gastronómica pioneiro na Galiza.

'Miniquedada' na Festa do Bolo do Pote.
'Miniquedada' na Festa do Bolo do Pote.

O balance desta primeira celebración do bolo do pote en Mazaricos voltando ao seu formato orixinal foi positivo. "Todo un éxito", afirmou o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín.

"É unha proba da implicación das asociacións e restaurantes, así como do Concello de Mazaricos, para recuperar a nosa gran festa despois de tanto tempo sen podela celebrar da mellor maneira", engadiu o edil.

Comentarios