Chemical Addicts, Pun´Kon Keixo e Fran Zélop gañan o Muralleando 2025
O Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo viu nacer esta quinta feira uns novos galardóns, desta vez dedicados a recoñecer o talento, a creatividade e a vitalidade das bandas e artistas locais: o Premios Muralleando. Organizados pola Tenencia de Alcaldía do Concello, o certame presentou distintas categorías propostas e votadas polos propios membros das formacións musicais da cidade.
Nesta primeira edición os gañadores foron Chemical Addicts (Mellor banda de versións, Canción orixinal e Mellor disco de bandas participantes), Pun´Kon Keixo (Mellor directo, Mellor grupo revelación e Mellor grupo do Muralleando 2025) e Fran Zélop (Mellor solista das bandas participantes).
A gala incluíu, ademais, a entrega do Premio Honorífico da Música en Lugo, un recoñecemento destinado a distinguir unha traxectoria exemplar e un compromiso sostido coa cultura da cidade. Nesta ocasión estreou o galardón Alberto Grandío, responsábel do Clavicémbalo e presidente de Escobijazz.
Os grupos de Lugo
"Queremos que os grupos de Lugo sexan os grandes gañadores dos premios Muralleando" dixo o tenente alcalde no transcurso da gala de entrega dos premios.
A iniciativa Muralleando naceu nun momento delicado para as apostas musicais, durante a pandemia da Covid-19, no ano 2020; ao redor do monumento como alternativa única para poder gozar da música no exterior, coa debida distancia e co publico camiñando. Logo mantívose adaptando o formato ao que é na actualidade. Durante a gala tivo lugar a actuación do grupo lugués Zarandela, composto por 5 zanfonistas e dirixido por German Díaz.