Chega a VI edición do Delas Fest, a cita coa arte urbana feminista

As artistas urbanas Paula Calavera, Rame13 e Priscila Barbosa serán as encargadas de realizar os tres novos murais do festival feminista de arte urbana contextual que, nesta edición, contará cun variado programa de actividades.
Presentación do Delas Fest, esta terza feira 9 de xullo, en Compostela.
photo_camera Presentación do Delas Fest, esta terza feira 9 de xullo, en Compostela.

Chega a sexta edición do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest. O encontro pasa a apelidarse Programa feminista de arte urbana contextual, para dar maior presenza aos encontros coas anfitrioas e ás actividades paralelas.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o 2019, reafírmase, neste 2024, nos seus principios: a reivindicación da igualdade de xénero, a democratización da arte a través da implicación das comunidades onde se vai pintar, a liberdade creadora das artistas, o coidado de todas as persoas implicadas e o apego ao territorio.

A rolda de prensa de presentación, que tivo lugar esta terza feira, 9 de xuño, no Pazo de Raxoi, contou coa presenza da concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; Rosa Romero, concelleira de Política Social e Igualdade de Brión, e Clara R. Cordeiro en representación de 7H Cooperativa Cultural.

Na súa intervención, Míriam Louzao destacou a importancia da arte "que deixa pegada no territorio, esa que despois nos acompaña no día a día, que permanece" así como da "arte social" que "nos axuda a construírnos como sociedade, pois o Delas Fest interactúa coa comunidade, implica á veciñanza das zonas onde pinta e iso tamén axuda a democratización da arte, a achegala a todos os públicos".

A concelleira tamén fixo fincapé na "arte feita por mulleres" revindicando o compromiso municipal coa "igualdade de xénero" e "o traballo feito por mulleres". "O Delas Fest construiu xa un percorrido por toda a cidade que merece a pena ser visitado e precisamente estamos poñendo en marcha na web de Turismo de Santiago un apartado de arte urbana", engadiu.

O programa

As artistas convidadas para realizar as intervencións en gran formato son a artista plástica e muralista canaria Paula Calavera (Ceuta, 1989), que pintará no barrio de San Lázaro de Compostela; a ilustradora, e muralista italiana Ginevra Giovannoni, coñecida como Rame13, (Pisa, 1989) que desenvolverá o seu traballo en Brión; e a artista visual, ilustradora e muralista brasileña, Priscila Barbosa, (São Paulo, 1990) que intervirá no barrio de Conxo, en Santiago.

A ilustración do presente cartaz é da ilustradora, ceramista e muralista, Abi Castillo (Vigo, 1987). Co seu xeito persoal de representar á muller, esta tórnase protagonista pintando as casas, facendo que a arte urbana chegue ao interior dos fogares, convertendo á artista nun ser capaz de cambiar a paisaxe.

As intervencións murais terán lugar entre o 15 e o 23 de xullo, en distintas fachadas propostas pola veciñanza a través da convocatoria de Muros en Man Común, que se mantén aberta durante todo o ano, para que calquera persoa da comarca poida facer a súa achega.

Coa consciencia da importancia que facer partícipe á comunidade no proceso de creación das obras, un ano máis, procedeuse a convocatoria Anfitriónate! Nos primeiros encontros virtuais levados a cabo en xuño, a veciñanza tivo a oportunidade tanto de coñecer ás artistas como de facerlles chegar as súas vivencias, os coñecementos ao redor do territorio que habitan, as narracións que as envolven… Con estes datos, as muralistas están a deseñar un bosquexo que lles amosarán durante as reunións, xa presenciais, que terán lugar en xullo, o día da súa chegada.

Máis en CULTURA
Comentarios