Chega o Carballo Interplay "máis diverso, social e inclusivo" da súa historia
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay chega esta quinta feira á súa XII edición na capital da comarca de Bergantiños. Doce anos manténdose como un evento de referencia na Galiza, o único dedicado a tratar desde a reflexión, a diversidade e a aprendizaxe as tendencias na rede e un pioneiro en crear un espazo de encontro físico entre as persoas que crean contido no eido dixital, especialmente entre a comunidade galega.
A presentación oficial da proposta deste ano decorreu onte en Carballo coa presenza das directoras do evento, Sonia Méndez e Andrea Villa, xunto ao alcalde da localidade, Evencio Ferreiro; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a deputada de Cultura da Deputación, Natividade González.
En opinión de Andrea Villa, o cartel deste ano é "o máis diverso, social e inclusivo" dos que realizaron, mantendo o humor, o feminismo e a inclusión como sinais de identidade. Alén diso, a co directora do festival salientou que a creación galega está presente nos premios e na propia programación. "Non teñen un oco nela, están en todos os ocos", precisou, destacando tamén o apoio á creación en galego como un dos eixos fundamentais do evento. "É a edición máis importante porque imos tratar temas de actualidade, sobre como nos relacionamos no mundo, no eido dixital e físico, creando lugares de xuntanza para a conversa e para reflexionar", concluíu.
Pola súa parte, Sonia Méndez, na súa intervención, puxo en valor o éxito da convocatoria da sección oficial de Series, con máis de 200 de todo o mundo presentes nesta edición. Neste sentido, significou o papel que ten este evento como "berce de novos talentos do audiovisual galego", con exemplos de "produtoras novas que saíron dos proxectos do Interplay".
Festival pioneiro
"Ser pioneiro está moi ben, mais o que nos enche é ver que aquela primeira vez hai doce edicións ten continuidade, e hai outros eventos que miran a este por ser un modelo" dixo Evencio Ferreiro. A isto, Xosé Regueira sumou a idea de "orgullo" que ten o municipio desde que comezou esta iniciativa. "É un espazo de liberdade onde todo o mundo que ten algo que contar atopa o seu oco", considerou no acto.
Por último, Natividade González puxo en valor o "compromiso coa innovación" do Interplay, e Jacobo Sutil sinalou a importancia da evolución deste evento, "estratéxico dentro do panorama audiovisual galego".
Humor e actualidade
Da programación salienta o dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado, que estarán esta sexta feira na sección habitual do festival 'Rajando con…' coa súa mestura de sátira política, humor e improvisación. Outro dos espectáculos habituais do festival é o CFA (Código Fonte Audiovisual) que nesta ocasión presentará o escritor Bob Pop. Tamén o sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast Keep it cutre, un programa que xorde das súas charlas do día a día tocando temas da xeración millennial. A crise da vivenda, un dos grandes temas na axenda diaria, chegará tamén á nova edición da man de Ana Polo e o espectáculo Aquí no hay quien viva.
Reflexión e debate
O Carballo Interplay contará, ademais, con varios paneis e actividades dedicadas a reflexionar e aprender sobre as novas tendencias na rede e sobre a convivencia no mundo dixital cunha ollada feminista e antirracista. Neste sentido, esta sexta feira a Zona Pro explorará o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, cos proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify, La Crónica Oscura e Sofá, Manta y Crimen, xunto a Jesús Carbón, responsábel de estabelecer relacións con creadores, medios de comunicación e produtoras de podcasts en Spotify.
No Interplay tamén estará o Real Club Celta, neste caso no segundo panel que leva o título 'O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega' no que os responsábeis de comunicación explicarán as chaves do seu éxito. Esta parte de pensamento e reflexión dentro do festival complétase tamén o sábado con Juana Dolores, Christo Casas e PutoMikel (Mikel Herrán), que analizarán no panel 'Abajo el trabajo' a hiperprodutividade e autoexixencia na actualidade nos creadores de contido.
Para falar da loita antirracista e contra a xitanofobia estarán Chaimaa Boukharsa, Voria Stefanovsky, Lucía Mbomío e María José Guru Jiménez no panel 'Comunicar na diversidade'. Neste caso, o alumnado está convidado a asistir esta quinta feira ao obradoiro 'Kit de autodefensa dixital' con Fembloc, pensado para visibilizar as tendencias machistas na rede e dar ferramentas para combatelas. Por último, o evento tamén indagará no universo dos videoxogos, un ámbito esencial na historia do audiovisual galego e máis contando na Galiza co primeiro museo aberto do Estado español, en Cangas.
Un punto de encontro da creación dixital en galego
O Carballo Interplay, nesta edición, quere demostrar que a comunidade dixital da Galiza non ten fronteiras e organizou un encontro co mestre de Nova Iorque Andy Chichester, un "ianqui de alma galega", como se define el mesmo, que conversará co actor Federico Pérez sobre a súa experiencia como neofalante. Tamén pasarán pola vila bergantiñá Non Saímos do Lixo ou o videopodcast O Faiado e unha ducia de proxectos que demostran o interese por crear contido en galego.
Vinte webseries
Para esta edición escolléronse vinte propostas de webseries dunha ducia de países, destacando a variedade de xénero, estilos e temáticas. O máis representado será Canadá, con cinco series. Galiza achegará tres propostas. Así, estarán a comedia Así falamos, así sentimos, sobre unha superheroína amante da lingua que amosa que a forma de falar dun pobo reflicte a personalidade dos seus habitantes, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde; E logo, quen foi?, unha microserie dirixida por Teresa Barbena; e A moza que abortou e o contou, un falso documental de Eire Cid e Rosalía Quiroga. Ademais haberá obras de Estados Unidos de América, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Porto Rico, Australia, Francia, Austria e o Estado español.


