Entrevista

César Lorenzo, director de Aira Editorial: "Hai moito espazo para o libro informativo en galego e sobre temas galegos"

Ademais das firmas grandes, no ecosistema editorial galego conviven proxectos de diferente dimensión e orientación nos seus catálogos. César Lorenzo Gil (Cequeliños, Arbo, 1977) dirixe desde a súa fundación Aira Editorial, un selo que desde Allariz, consolida un deses modelos alternativos, con iniciativas orixinais como os Clásicos Ilustrados. 
Cesar Lorenzo cun exemplar de 'Drácula'. (Foto: Xan Carballa)
Cesar Lorenzo cun exemplar de 'Drácula'. (Foto: Xan Carballa)

—Hai editoras galegas de diferente dimensión, que posición quere ocupar a que vostede dirixe desde a súa fundación en 2017, Aira Editorial?
Deixando á parte Xerais e Galaxia, na Galiza hai dous estilos. Un máis especializado, sobre todo no público infantil e xuvenil, (Oqo, Triqueta Verde ou Cumio, na segunda vida que ten…), e outras que se singularizan pola vía da tradución (Rinoceronte, Huguin e Munin, Irmás Cartoné…). Despois hai as que buscan construír o seu catálogo para o público xeralista tendo como única especialización o propio idioma e nesta estratexia estaría Aira.

—Pensa que hai produción abondo para poder facer un catálogo editorial potente?
Si, haina. Tanto produción orixinal en galego como títulos interesantes escritos noutras linguas que paga a pena incorporar á biblioteca galega. Cando comezamos a nosa andaina en 2017 decidimos que durante os dez primeiros anos explorariamos varias vías para intentar comprender como funciona o mercado de libro en galego e que títulos nos servían mellor para crear comunidade lectora. Non é que a partir de 2027 vaiamos facer un cambio radical, pero si axustes que nos permitan seguir sendo viábeis e relevantes. Agora sabemos que hai público para traducións de autores galegos e galegas de expresión castelá que escriben novela de xénero, caso de María Oruña e Francisco Narla. Tamén Dolores Redondo, de orixe galega e que ten unha sensibilidade moi especial coas linguas periféricas do Estado.

"Detectamos que non se publicaban apenas libros informativos infantís creados en galego"

—Tamén tiveron moito éxito os libros ilustrados divulgativos para público novo.
Detectamos que non se publicaban apenas libros informativos infantís creados en galego e sobre temas galegos. A serie da Galicia pequeniña ou a Historia visual do Celta son dos libros máis vendidos. Segue a haber moito espazo para este tipo de obras. En 2026 publicaremos a Historia visual do Deportivo e libros que acheguen a ciencia á cativada. En galego, a grande editorial de libro de non ficción foi A Nosa Terra e gústanos publicar libros dese estilo sempre que é posíbel. Velaí a biografía de Moncho Reboiras, obra de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez González, ou o estudo de Perfecto Ramos sobre Lobariñas Feixoo, un historiador que escribiu en galego durante os séculos escuros.

—Vostede é xornalista, editor, escritor e tamén coñece ben o mundo das librarías, pediríalle unha análise sobre a continua sospeita sobre a viabilidade futura do libro en papel.
O mundo do libro para unhas cousas é moi conservador e  para outras moi dinámico, pero en todo caso é unha miga azaroso. Se se soubese o que vende ou o que non, nós non existiriamos. Poño o exemplo da electricidade ou da banca, onde non hai empresas pequenas porque a xeración de lucro é evidente. O libro como negocio non ten esas certezas e ábrenos unha fenda na que hai que facer probas e ás veces acértase e outras non. E iso pásanos a todos, grandes e pequenos. Hai autores e temáticas que funcionan moi ben un tempo e logo desaparecen. Todos os anos hai sorpresas nas listas de libros máis vendidos.

—Pero tamén se perden xeracionalmente lectores e lectoras.
O galego ten difícil competir no que é o libro adolescente. Porque identifican, por razóns que non imos valorar, libro galego con libro aburrido, que len, por obriga, na escola. O que queren é outro tipo de historias, case sempre fenómenos internacionais. A edición galega, se quixese competir nese ámbito, corre o risco de ir sempre ao rebufo do que xa leva funcionando tempo en castelán. Algunhas destas sagas xuvenís crean tanta expectativa que os fans xa as len directamente en inglés porque non poden esperar polas traducións.

—Sosteñen unha iniciativa ambiciosa que é a dos Clásicos Ilustrados, que se nutre de subscritores e mecenas. En parte é unha novidade na edición galega.
Houbo experiencias anteriores de subscritores, como na colección de poesía Leliadoura de Sotelo Blanco, tamén en Espiral Maior e recentemente en Rinoceronte, Huguin e Munin, Rodolfo e Priscila. Nós centramos principalmente o vínculo cos lectores a través do esforzo colectivo para publicar clásicos universais con novas traducións e ilustracións orixinais. O noso primeiro libro financiado grazas aos mecenas foi o Frankenstein. Están a cor, encadernados en tapa dura e sempre pedimos ilustracións e traducións orixinais. Iso é caro e non queríamos entrar nas plataformas de micromecenado. Primeiro só tiñamos mecenas individuais, dos que agora contamos con case 130: lectores que nos acompañan meses antes da publicación da obra, que a cambio dunha cota de 70 euros anuais reciben non só o libro publicado dedicado e asinado polo autor, senón que obteñen moitos agasallos especiais. Arestora, amais deses mecenas persoais, contamos con librarías e institucións colaboradoras. O que buscamos con esta iniciativa é apelar ao compromiso da comunidade lectora para manter proxectos que, por motivo de custos e tamaño do mercado, serían difíciles de manter sen ese amparo. Publicamos títulos que son moi populares Drácula, Frankenstein e outros menos coñecidos aquí pero si o son noutras culturas como Unha noite no tren da Vía Láctea, de Kenji Miyazawa, no Xapón.

"A axuda á edición e á tradución en Catalunya e no País Vasco está a anos luz"

—Outro cabalo de batalla permanente mo mundo editorial é a contribución institucional á edición.
Hai que ser xustos. Hai axudas á edición e á tradución que facilitan o desenvolvemento da industria editorial pero, como é lóxico, convén comparalas coas que se outorgan nos países do noso ámbito. A axuda á edición e á tradución en Catalunya e no País Vasco está a anos luz. Mesmo se comparamos o apoio público a outras industrias, a cultura non está ben tratada en relación ao emprego que xeran. Os criterios de adxudicación son equilibrados pero os orzamentos son pequenos. Sería fundamental crear unha institución como existe en calquera país, empezando por Euskadi e Catalunya, que se dedicase unicamente á promoción cultural, que tanto exporte cultura para fóra como que favoreza que se siga construíndo a biblioteca mundial en galego. En Catalunya está o Ramón Llull e en Euskadi o Etxepare. Se puidésemos aprender deses exemplos e actualizar o investimento á economía galega, daríase un gran paso adiante.

Simultaneidade na edición galega e castelá

Conta César Lorenzo que descubriron unha veta na venda de traducións ao galego de novelas de xénero de autoría ou tema galego "nalgún caso ten que ver co circuíto escolar, por exemplo no libro de María Oruña, O souto dos catro ventos, do que xa se venderon máis de 4.000 exemplares. Seguramente tamén nos clubs de lectura se creou un ámbito de ler libro galego provocado por autores como Ledicia Costas o Pedro Feijóo, que foron capaces de levar o galego a ese ámbito e romperon o xeo, e agora demándase o libro galego con máis naturalidade.

"Antigamente, moitos autores galegos conseguían que a súa obra orixinal desfrutara duns meses en exclusiva, antes de que se publicase a tradución ao castelán. Hoxe iso apenas o vemos. Póñense á venda en ambas as linguas a un tempo, e o que é peor, na maioría dos casos non se indica nin na versión galega nin na castelá cal das dúas é a tradución, o cal motiva confusión.

"En Aira descubrimos, por outra parte, que hai moitos autores galegos que escriben en castelán que desexan ver as súas obras tamén en galego. Paréceme loábel que admitan que non teñen capacidade para escribir en galego, pero que queren que as súas obras estean dispoñíbeis na lingua propia do país".

Comentarios