O Centro Dramático Galego ofrecerá accións escénicas improvisadas para promocionar 'A peste'

Están programadas todas as segundas feiras ás 20 horas a partir de mañá, 24 de xaneiro.
O elenco que participará nestas sesións de 'ImproVersións' está composto por Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó.  (Foto: Xunta).
photo_camera O elenco que participará nestas sesións de 'ImproVersións' está composto por Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó. (Foto: Xunta).

O Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta ofrecerá no Salón Teatro de Santiago todas as segundas feiras ás 20 horas, a partir deste 24 de xaneiro e até o 7 de marzo, accións escénicas improvisadas para promocionar a súa nova produción 'A peste', inspirada na novela de Albert Camus.

Esta iniciativa enmárcase no programa 'ImproVersións', un proxecto dirixido por Antón Coucheiro co que cada semana se representará un espectáculo diferente.

As pezas inspiraranse na temática e a atmosfera de 'A peste' -obra que permanecerá no Salón Teatro, de cuartas a domingo até o 13 de marzo-, pero tamén en achegas do público para realizar variantes libres ao redor da novela de Camus.

Ademais, empregarase a escenografía, o 'atrezo' e a iluminación da montaxe que acaba de estrear o Centro Dramático Galego con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó.

O elenco que participará nestas sesións de 'ImproVersións' está composto por Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó. Tamén estarán Alfonso Medina na dirección escénica e Aitor Garuz como técnico de luz e son.

As entradas pódense adquirir a un prezo de cinco euros tanto a través de 'ataquilla.com' como no despacho de billetes desde dúas horas antes da representación.

Comentarios