Castelao e as ruínas de San Domingos aumentan as visitas ao Museo de Pontevedra un 30%

Dúas grandes exposicións deste ano dedicadas a Castelao supuxeron o aumento dun 45,7% dos visitantes ás mostras temporais deste Museo.

MUSEO
photo_camera Presentación do balance anual do Museo de Pontevedra [Foto: Deputación de Pontevedra]

O Museo de Pontevedra contabilizou no ano 2016 o mellor dato en canto a afluencia de visitantes dos últimos anos, rematando o exercicio cun total de 107.478 visitas. A Deputación de Pontevedra, responsable da institución, recoñece que "se ben é certo que o maior número de visitantes está directamente ligado á reapertura das Ruínas de San Domingos, tamén é salientable que as exposicións temporais do Sexto Edificio experimentaron un incremento do 45,7% con respecto ao 2015". En total foron 48.123 as persoas que visitaron as mostras temporais, cuxo eixo fundamental foron as dúas grandes exposicións programadas para conmemorar o Ano Castelao: 'Castelao Artista' e 'Meu Pontevedra', que centraron a programación entre o 1 de abril e o 11 de setembro. 

"Á vista destes datos, estamos traballando na boa dirección para converter a este Museo nunha referencia, xa non só a nivel provincial senón a nivel galego e internacional" asegurou o deputado de Cultura, Xosé Leal, que adiantou que neste 2017, Ano do Patrimonio, "procuraremos dar a coñecer que este Museo alberga unha das coleccións máis completas e valiosas para comprender a cultura galega a través de toda a súa historia, desde a arte castrexa até os tempos actuais".

En canto á asistencia a actividades complementarias das exposicións e actos propios do Museo o número de persoas asistentes ascendeu a 15.888, o que supuxo un incremento do 14,8% con respecto ao 2015. Resultaron especialmente exitosas as actividades programadas en relación a Castelao para público infantil, como foi a presentación da guía de Os Bolechas con 155 persoas, a representación en versión monicreques de 'Os vellos non deben de namorarse' a cargo de Fantoches Baj con 643 asistentes en diferentes pases; e a celebración da Noite dos Museos a carto da Escola Superior de Arte Dramática con 300 persoas.

Por meses, destaca considerablemente o número de visitantes correspondente ao mes de agosto que ascende a 30.503 coincidindo coa reapertura das Ruínas de San Domingos, que volveron estar a ser visitables a partires do 3 de agosto, xusto na data na que se cumprían os tres anos do incidente que obrigara ao seu peche. Á recuperación deste espazo histórico e tan simbólico do conxunto de edificios que conforman o Museo de Pontevedra, hai que sumarlle a reapertura da Sala de Investigación, que tamén permanecera tres anos pechado.