Castelao 'resucita' grazas á intelixencia artificial nunha nova exposición no Gaiás
Saudar unha animación a tamaño real de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e experimentar a través duns lentes coa súa mesma gradación algúns recordos da súa vida –como o estalido da guerra– é posíbel na nova exposición que utiliza a intelixencia artificial (IA) "de forma ética".
A mostra Castelao. Mirar por Galicia, que fusiona o arquivo documental do intelectual coas novas tecnoloxías, foi inaugurada esta quinta feira no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (Compostela), onde se poderá realizar un repaso pola súa vida a través de animacións 3D, obxectos e debuxos orixinais –como os lentes e a pluma estilográfica cedidas polo Museo de Pontevedra– e videoproxeccións.
No percorrido, creado a modo de túnel escuro con diferentes "momentos de luz" mediante xanelas aos puntos máis relevantes da súa vida e traxectoria artística e política, os visitantes poderán observar proxeccións holográficas, mapas animados e vivir unha experiencia inmersiva nun gran cubo de papel de catro metros de altura con tecnoloxía de videomapping e son cadrafónico.
Mitíns políticos
As persoas visitantes tamén poderán asistir a un dos seus mítins políticos, na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) grazas á IA. O artista detrás do proxecto, Carlos Seijo, explicou esta quinta feira a "intencionalidade" á hora de crear a imaxe até o chan para que o espectador sinta que está "dentro dela".
Ademais, poderase escoitar a voz do intelectual a partir dun proceso que une o traballo de tres locutores, a aplicación da IA e o único documento sonoro conservado da voz de Castelao: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires pola estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.
O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, sinalou que a exposición foi posíbel grazas a un "obsesivo traballo de investigación de máis de 25 anos" nos que recompilou datos sobre a súa aparencia e vida.