Certame literario "Un verán con Castelao"

"Cartas para ninguén", por Xavela Barreiro Rodríguez

IES Terra de Turonio, Gondomar.
Cada semana, en calquera sitio por onde transitaba, deixaba unha carta escrita a man. (Foto: Hunterpic2013)
Cada semana, en calquera sitio por onde transitaba, deixaba unha carta escrita a man. (Foto: Hunterpic2013)

Ás veces, falar era máis difícil que respirar.

Iso pensaba Luar mentres deslizaba a pluma sobre o papel na esquina da súa cafetería favorita, un pequeno e cálido lugar chamado Sorbo Único. A idea nacera na consulta da súa psicóloga. “E se no canto de tragarte o que sentes, sóltalo? Escribe. Deixa cartas nos lugares onde pasas. Non para ninguen en particular, só para que queden alí".

E así o fixo. Cada semana, en calquera sitio por onde transitase, deixaba unha carta escrita a man, asinada cun simple “L.”. As cartas non eran especialmente tristes nin dramáticas. Falaban de cousas cotiás: o cheiro a pan tostado da mañá, o incómodo que era saudar con dobre bico, ou o raro que era ver xente chorar na rúa. Luar chamábaas os seus “diálogos mudos”.

Na cafetería Sorbo Único xa o coñecían. “Aí está o mozo das cartas”, dicían algúns camareros. Víano escribiñar co seu café xeado á beira, dobrar o papel con precisión e deixalo baixo a cunca ou entre os libros do estante comunitario. Ninguén o molestaba. Todo era normal. Ata que deixou de selo.

A primeira carta chegou unha tarde de choiva. Estaba na súa caixa de correos, coidadosamente dobrada, cunha caligrafía delicada que imitaba a súa. "Non estás tan só como cres. Léote. Sempre te leo." Asinado: “C.”.

Luar sentiu como un calafrío rubía por detrás. Non puxera dirección, nin nome, nin pista algunha en ningunha carta.

Como podería ser posible que alguén lle respondese as súas cartas? Pensou que era casualidade. Quizais alguén o seguira, alguén que simplemente o recoñecía e quixera devolverlle algo do que el entregaba ao mundo. Pero entón chegou outra. E outra.

Cada vez que deixaba unha carta, non importaba se era nunha cafetería distinta, ou mesmo noutra cidade, unha resposta aparecía na súa caixa de correos dous días despois. Sempre escrita a man. Sempre coa mesma letra. "Si, a min tamén me custa respirar nos supermercados. Fixácheste na señora do abrigo vermello ese día? Eu tamén a via."

A intriga comezou a mesturarse co medo. Estaban a seguilo? Era un admirador secreto?

A intriga comezou a mesturarse co medo. Estaban a seguilo? Era un admirador secreto?Un xogo cruel?

Levou as cartas á súa psicóloga, quen tratou de manter a calma. “Quizais é alguén que quere conectar contigo, e simplemente atopou unha forma de facelo que ti mesmo abriches. Non era iso o que querías?”.

 Luar negou coa cabeza. El nunca esperou respostas. Só... liberarse. Entón decidiu facer unha proba. Unha trampa. Escribiu unha carta falsa. Contaba un día inventado, un sentimento que non era seu. Deixouna escondida dentro dun libro nunha biblioteca universitaria á que só foi esa vez.

A resposta chegou tres días despois. "Non me enganas, L. Esa non era a túa voz. Non finxas. Gústasme cando es ti." Luar deixou caer a carta o chan.

Durante días non escribiu máis. Non saíu de casa. Cubriu a caixa de correos con cinta, non contestou chamadas, nin mensaxes. O mundo podía seguir virando sen el. Pero a ansiedade crecía no seu peito como unha planta velenosa. E entón, chegou unha última carta. Non na caixa de correos. Na súa porta. Pegada cun anaco de cinta branca. "Estráñote. Pero non vou forzar a túa voz. Só quería que soubeses que te escoito. E que estou preto, sempre".

Non había sinatura. Só un pequeno debuxo na esquina: un corazón sen terminar, pequena ilustración que aparentaba ser un estilo de retrato, un home con anteollos e con sombreiro, fumando, alto e elegante.

O corazón daba unha impresión de coma se el quixese comunicarlle que o amor entre eles aínda estaba incompleto.

Ese día non chorou. Tampouco escribiu. Sentou fronte á xanela coa súa cunca de café. Por primeira vez, non se sentiu de todo só. E pensou que, quizais, non todo o que dá medo vén facer dano.

Os días seguintes foron un bulebule de pensamentos que non sabían se ancorar o medo ou o desexo. Luar non podía negar que algo naquelas cartas lle daba vida. Unha atención íntima, descoñecida. Coma se alguén camiñase por dentro del con pés descalzos, coidando non romper nada. E con todo, a sensación de ser observado roíalle a tranquilidade.

Decidiu retomar as súas cartas. Xa non as deixaba ao azar. Escondíaas. Unha vez no peto traseiro dunha guía turística nunha librería de segunda man. Outra dentro dunha caixa de té verde nun supermercado. E, a resposta chegaba. "Non importa onde as escondas, L. Atopareite. Porque xa aprendín a lerte mesmo entre os teus silencios".

Que clase de conexión era esa? Comezou a reler todas as cartas recibidas, en busca de pistas. Unha palabra repetida, un debuxo escondido, algo. Pero non había rastros de identidade. Nin firma, nin erros de ortografía, nin referencias concretas. Nada.

Unha madrugada de insomnio, atopouse escribindo sen filtro. Xa non cartas para deixar, senón unha carta persoal, para “C.”. "Non sei quen es. Non sei por que fas isto. Pero teño medo. Medo do que sabes, medo do que sinto cando leo as túas palabras. Es real? Ou só un eco que inventei para non sentirme tan roto?".

Dobrouna, gardouna na súa mochila e ao día seguinte, sen pensalo demasiado, deixouna no mesmo café de sempre. Esta vez, deixouna visible. Quería ser atopado.

A resposta chegou máis rápido do habitual. Un sobre branco, deslizado baixo a súa porta, cunha rosa seca dentro. "Si, son real. Pero non como ti cres. Non quero danarte. Só estou aquí. Porque eu tamén deixei cartas. E ti fuches o primeiro que respondeu, aínda que non o soubeses. Ti empezaches isto. Grazas por falarme, L.".

O chan pareceu moverse baixo os seus pés. Había outra historia detrás? Outra alma perdida que, como el, buscara consolo en palabras abandonadas?

Volveu a Sorbo Único esa tarde. Sentou na súa mesa habitual e sacou o seu caderno. Ao pouco tempo, alguén deixou unha cunca na súa mesa. Non era o seu pedido. Era un cappuccino con escuma en forma de corazón.

Mirou cara á barra. Un home tal e como “C.” ilustraba nas súas cartas. O home sorriu calidamente. Na súa chaqueta, un pequeno pin en forma de corazón á metade esperando ser acabado de coser. Luar sostivo a súa mirada. O aposto achegouse e sentou na mesa con Luar. “Creo que xa te deches conta, chamame Castelao”.

E por primeira vez, Luar sorriu.

Comentarios