Carme Varela faise co Álvaro Cunqueiro para textos teatrais

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) tamén comunicou que Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns foron merecedores dos Barriga Verde nas modalidades de teatro de monicreques para adultos e crianzas, respectivamente.
EuropaPress_3436894_carme_varela_ganadora_premio_alvaro_cunqueiro_textos_teatrales
photo_camera Carmen Varela gañou o Álvaro Cunqueiro de textos teatrais. (Foto: Europa Press)

A autora Carme Varela vén de ser recoñecida co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais grazas á súa obra As desterradas. O xurado destes galardóns literarios, que a Xunta convoca bienalmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), outorgou o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e mozos a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente. A Consellaría de Cultura aclarou que o XI Manuel María de literatura dramática infantil ficou deserto.

Antes de comunicar o seu ditame, as e os xuíces valoráronse os 107 textos presentados, dos cales 50 optaron ao Álvaro Cunqueiro, 22 ao Manuel María e 35 ao premio Barriga Verde (20 na modalidade infantil e 15 na de adultos-).

O galardón para Carmen Varela (Duomes de Arriba, A Baña, 1970) supón recoñecer "traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, mostran unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, á vez que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos".

A autora concreta que As desterradas xorde da idea de escribir un texto teatral para unha das actividades da asociación do patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, da que a autora forma parte desde a súa fundación. A obra conta os últimos días do mosteiro de monxas benedictinas de San Salvador de Albeos, no actual municipio de Crecente, falando da a coroa de Castela e os mosteiros benedictinos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual.

Para o público adulto, o XIV Barriga Verde recaeu en Esther F. Carrodeguas, que escribiu unha "farsa esperpéntica" que tamén ten unha inspiración histórica.

Neste caso, a autora parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia, como foi a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa, durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934, e bota man do teatro da cachiporra para propor unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.

Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada-Galiñáns volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, após ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por 'Game Over'.

Comentarios