O carballo de Conxo fica segundo na votación da Árbore Europea do Ano
O comité organizador do certame da Árbore Europea do Ano anunciou esta terza feira, nun evento retransmitido a través da internet, os resultados da tan esperada votación —fechada o pasado 28 de febreiro—, que nas últimas datas deixaba un axustado duelo entre o carballo de Conxo (Compostela) e o seu rival polaco, o carballo Dunin.
A gala comezou cunha homenaxe ás dúas árbores gañadoras do certame, a Carrasca Milenaria de Lecina (Bárcabo, Huesca) e o Gardián do Pobo Anegado (Dalecín, República Checa).
Logo presentáronse os outros doce rivais —tras a eliminación do candidato ruso pola guerra en Ucraína—: a árbore inclinada de Kippford (Reino Unido), o Paraugas de High Tatras (Eslovaquia), a Sobreira Grande (Portugal), o Castiñeiro dos cen cabalos (Italia), o Gran Carballo lonxevo (Letonia), a árbore xaponesa colgante do Teatro Csokonai en Debrecen (Hungría), o Castiñeiro Multisecular da Praza Audran (Francia), Son Tilia (Países Baixos), o Piñeiro do Rei (Estonia), o Tilo Cantante (República Checa), a Sequoia Xigante de Slatina (Croacia), a Árbore do Avó Kolyo (Bulgaria) e a Sequoia Xigante do Colexio Notre Dame de Bonlieu (Bélxica).
A cerimonia de entrega de premios principiou co anuncio do terceiro posto, que foi para a Sobreira Grande de Portugal. Logo veu a quenda da árbore compostelá, mais non na orde que esperaba a cidadanía galega: o carballo de Conxo ficou na segunda praza, por baixo do carballo Dunin.
A árbore galega recibiu 168.234 votos, só 11.000 menos que a polaca, con 179.317, e a unha distancia maior ficou a a Sobreira Grande de Portugal, con 70.563 sufraxios.
O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e membros do seu equipo seguiron a retransmisión da gala desde o Auditorio da Galiza.
Historia do Carballo do Conxo
O director de Alvarellos Editora e padriño da candidatura do Carballo de Conxo, Henrique Alvarellos, conversou recentemente con Nós Diario sobre a importancia histórica desta árbore, unha das moitas centenarias que viven nos bosques da Galiza.
Para Alvarellos, máis aló da lonxevidade deste carballo, destaca o seu "relato histórico". "A árbore foi testemuña en 1856 do insólito e polémico Banquete de Conxo. Foi un acto político do Partido Demócrata de defensa dos ideais da revolución francesa que se celebrou nesa carballeira e que tivo que ser disfrazado de banquete para que as autoridades o permitisen", relatou.
O Carballo de Conxo, que naceu entre 1770 e 1780, é a árbore máis anciá dos case corenta carballos que persisten hoxe en día, do milleiro que se plantaron nesta zona a finais do século XVIII.
O director de Alvarellos Editora defende que o obxectivo da candidatura do carballo a Árbore Europea de 2022 "é que haxa unha sensibilización definitiva cara á preservación da natureza do noso país. Neste caso, dos espazos naturais que se atopan nas contornas das cidades".