A candidatura da Ribeira Sacra pasa á final para ser Patrimonio da Humanidade

Cañón Río Sil Ribeira Sacra
photo_camera Cañón Río Sil Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra avanza un paso máis, e non pequeno, na súa intención de ser declarada Patrimonio da Humanidade en 2021. A súa candidatura chega á final do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco.

A candidatura da Ribeira Sacra será finalista na 45º sesión do Comité. Este comité aceptou a proposta, que agora será analizada na cimeira que manteña o vindeiro mes de xuño canda outras 22 candidaturas do resto do mundo-.

A zona proposta para a declaración aglutina en total a 23 concellos (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Este territorio ten un enorme e variado riqueza natural e paisaxística. Representa un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización do territorio, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que ilustran 1.500 anos de historia. O paso do eremitismo ao monacato e a posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.

Á marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza. Proba dista interacción do ser humano co medio son as monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo. A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de ribeira e bocarribeira.


 

Comentarios