Decidirase en 2021

O Ministerio de Cultura aproba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

A Ribeira Sacra é candidata oficial a Patrimonio da Humanidade da Unesco. Aprobouno esta sexta feira por unanimidade o Consello de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura. “É unha expoñente de grande importancia cultural”, sinalou un alto cargo do Goberno central.

A Ribeira Sacra no programa Imos de Viños
photo_camera A Ribeira Sacra. Foto: cedida.

O mencionado consello, órgano de colaboración entre a administración do Estado e as dos gobernos autonómicos, cualificou de “magnífica” a candidatura. A proposta nacera de colectivos e asociacións de base, que acabaron por involucrar as institucións. O órgano estatal salientou o traballo técnico da Xunta ao respecto.

“É un lugar de espiritualidade na contorna dos vales do Sil e o Miño”, definiron desde o Ministerio a bisbarra. A Ribeira Sacra abranxe territorio situado en 22 concellos distintos, posúe unha gran riqueza vitivinícola cuxa tradición se remonta á época romana e nas súas paisaxe hai mostras de arquitectura románica de extraordinario valor.

A Unesco tomará a decisión sobre a candidatura no 45º Comité de Patrimonio Mundial en 2021.

En Galiza hai catro monumentos distinguidos como Patrimonio da Humanidade: a cidade vella de Compostela, o Camiño de Santiago -aínda que a declaración afecta igualmente os tramos fóra do país-, a muralla romana de Lugo e a Torre de Hércules. No resto do Estado, outros 43 e en Portugal 15. O total no mundo son 1.092.

Comentarios