Cal é a mellor canción de 2025? A música en lingua galega xa espera o voto do público de aRi[t]mar

As votacións están abertas até o 27 de marzo.
Actuación do cantor alentejano-angolano Luiz Caracol nunha gala anterior de aRi[t]mar.
Actuación do cantor alentejano-angolano Luiz Caracol nunha gala anterior de aRi[t]mar.

Desde hai xa máis de 10 anos, a gala aRi[t]mar pon a disposición pública e popular a votación para seleccionar cales son as mellores cancións do ano na Galiza e Portugal. E o 2025 non ía ser menos. O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as músicas finalistas para a vindeira edición da gala. Son 10 postulantes galegas e 10 portuguesas.

Ditas votacións, que comezan esta sexta feira, 27 de febreiro, son abertas a todas as usuarias da rede e accesíbeis a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá en activo durante un mes, até o 27 de marzo.

Aasí, as cancións finalistas para o Premio á Mellor Música de 2025 na Galiza son Vitoria, de Chicharrón; E se queres, de Faia; De paseo en Portugal, da Familia Caamagno; Vou pa Arzúa, de Grande Amore; A palabra como arma, de Hugo Guezeta; Perdín a Memoria, de MJ Pérez; O pobre não tem, o rico não dá!, da Orquestra Bravú Xangai; A Xeitosa, de Sheila Patricia; Todo o mundo contra min, dos Ulex; e Será por Flores, de Uxía.

Polo que se refire ás cancións finalistas ao Premio á Mellor Música do 2025 en Portugal, as escollidas polo xurado foron Tigre I, de A Garota Não e Sérgio Miendes; Não é Tarde, Nem é Cedo, de Buba Espinho e Miguel Araújo; Respirar, de Calema e Sara Correia; Balada do País que Dói, de Carminho; Brinde (16h00), de Carolina Deslandes; Tu e a Lua, de MAR e Carolina Deslandes; Quem quer dizer adeus, de Márcia; Santa, de MimiCat; e Mulher dos Teus Sonhos, de Nena & Joana Almeirante.

Diversidade e converxencia de estilos

Para o xurado de aRi[t]mar "é unha realidade que se vén dando entre as cancións finalistas ao premio á Mellor Música do Ano na Galiza, pero non por habitual deixa de ser un valioso marcador da fulgurante e diversa natureza da escena musical galega" a diversidade e converxencia de estilos que reúnen as propostas finalistas.

Nas 10 postulantes converxen o tradi, o rock, o hip-hop, a canción de autor e en definitiva, música diversa, "sen necesidade de etiquetas ainda que as poda levar, e da man dun plantel de artistas de varias xeracións". O xurado reuniu para o público vellos coñecidos doutras agrupacións coma Faia ou Hugo Guezeta, mais tamén agrupacións con novas integrantes, coma Chicharrón; artistas consolidadas coma Grande Amore, MJ Pérez ou Sheila Patricia; revivals de sons do pasado século XX coma a Familia Caamagno ou a Orquestra Bravú Xangai; emerxentes coma os Ulex; ou nomes asinados a ferro na historia da música galega contemporánea como Uxía.

A selección musical da presente edición de aRi[t]mar revela tamén un ecosistema da canción portuguesa "cheo de diálogo e diversidade". O pop, o fado e novas abordaxes de autor coexisten con voces consagradas e proxectos emerxentes. "Son 10 músicas que atinxen millóns de escoitas e visualizacións na rede, mostrando que a música portuguesa vive un momento doce. No conxunto, a cultura portuguesa maniféstase a través da música, capaz de se adaptar aos tempos sen deixar de ser aquilo que é".

Comentarios