Braga estréase como Capital da Cultura co diálogo entre o local e o internacional
Braga transfórmase en 2025 nun vórtice no que conflúen cultura portuguesa, cultura internacional e comunidade local. A elección da cidade como Capital Portuguesa da Cultura deste ano que comeza apóiase, segundo a propia cámara municipal, en tres piares: celebración da creación artística nacional, promoción do contacto con parceiros internacionais e capacitación do sector cultural local. Podería aplicarse a vella fórmula que a Xeración Nós pretendía para a Galiza: unha 'célula de universalidade' que vivifica o diálogo coas culturas e as nacións todas sen deixar de ser ela mesma.
Esta segunda feira fíxose público no Theatro Circo da cidade o programa de apertura de Braga 25, así como a axenda do primeiro trimestre do ano, que baixo o lema "Abre a tua porta e deixa entrar" presenta un programa multidisciplinar que pretende ollar para a cultura como "un factor de desenvolvemento do territorio".
O programa recupera o proceso de candidatura de Braga á Capital Europea da Cultura 2027, título que finalmente conquistou Évora. Lonxe de deixarse levar polo derrotismo, a capital miñota reafirmouse, de xeito exemplar, na idea de que o título europeo non era un fin en si mesmo do proxecto, senón soamente "unha etapa dun proceso que ten como obxectivo redefinir a política cultural da cidade até 2030", unha prioridade que "mobilizará axentes culturais, cidadanía e institucións", segundo as palabras do presidente da Cámara Municipal, Ricardo Rio, quen ademais destacou a aposta pola implicación comunitaria, achegando a cultura a todas as parroquias do municipio, en moitos casos ao abeiro de iniciativas xa promovidas habitualmente desde o municipio.
Presenza galega
O alcume de 'célula de universalidade' adquire maior carta de natureza ao comprobar que a presenza galega en Braga 25 comeza precisamente no seo do festival Square - Mapping the Atlantic, que entre o 29 de xaneiro e o 1 de febreiro programa, en Braga, Guimarães, Barcelos e Vila Nova de Famalicão, música independente procedente dos catro continentes bañados polo Atlántico. Nel actuarán Caamaño&Ameixeiras xunto a bandas portuguesas como Unsafe Space Garden e Quadra, e artistas internacionais como Asmaa Hamzaoui & Bnat Timbouktou, do Mali, ou Julián Mayorga, de Colombia.
Igualmente, do 3 ao 23 de febreiro, o xa festival Convergências terá unha edición reforzada na que José Afonso e Rosalía de Castro operan como inspiración para o encontro entre Portugal e a Galiza. Durante vinte días concentraranse en Braga obradoiros, conferencias, un ciclo de cinema galego, recitais de poesía e concertos como o que xunta o fadista Ricardo Ribeiro con Uxía Senlle ou o que ten ao grupo Canto D'Aquí e Amancio Prada como protagonistas.
Outro festival, esta vez de arquitectura, Forma da Vizinhanza, concibido para fomentar o sentimento de comunidade en diferentes espazos da cidade, acollerá unha intervención no barrio das Fontainhas do arquitecto pontevedrés Manuel Bouzas, recentemente nomeado co-curador da representación do Estado español na próxima Bienal de Arquitectura de Venecia. Será un dos múltiples encontros coa comunidade local que ten previstos Braga 25.
Son só algunhas das citas coa cultura galega que xa están axendadas e que se completarán con outras que virán nos próximos meses, como o programa que o Suelen Estar Quartet presentará en abril sobre o repertorio da compositora estadounidense Caroline Shaw.
Grandes nomes e grandes temas
A pluralidade das propostas que se presentan en Braga 25 e o alcance do dialogo internacional que se propón ten varios nomes propios como emblemas. Así, por exemplo, a prestixiosa pianista Maria João Pires actuará por primeira vez en Braga, no Theatro Circo; mentres que o dramaturgo e director Tiago Rodrigues, actual director do Festival de Avignon, presentará a peza No Yogurt for the Dead os días 27 e 28 de febreiro.
Malia que Braga 25 comeza oficialmente o 25 de xaneiro, xa desde o día 18 poderá visitarse a exposición Object Of Projection, a primeira mostra en Portugal de Kim Gordon –cofundadora da banda neoiorquina Sonic Youth–, unha retrospectiva do traballo da artista na última década, con especial énfase na sua serie de instalacións performáticas en vídeo. Estará patente até o 5 de abril no espazo 'gnration'.
E non se pode esquecer unha das grandes contribucións de Portugal á historia contemporánea: o artista Paulo Mendes asinará o comisariado de Somos Todos Capitães - 50 anos em Liberdade, unha exposición transdisciplinar sobre os 50 anos do 25 de abril, que ocupará varios espazos da cidade.
Tampouco quedan fóra os temas de xénero e comunidade LGBTIQ+: a artista transfeminista Hilda de Paulo presentará unha exposición baseada en arquivos da cidade. Será unha das cinco artistas que exporán dentro de cinco quiosques en desuso que serán reactivados como espazos expositivos.
Apertura o 25 de xaneiro
Son 80 eventos os que terán lugar neste primeiro trimestre de capitalidade portuguesa da cultura, que terán un inicio fastuoso o día 25 deste mes. Braga recibe o título nun acto que terá lugar no Teatro Circo (11:00). Ao remate deste momento formal estrearase Quimera, un espectáculo que une as visións dos coreógrafos Filipa Francisco e Deeogo Oliveira, a dramaturga Regina Guimarães e o director John Romão, e que combina grupos folclóricos de Braga co breakdance.
Ese día presentaranse outras dúas encomendas: ás 17 horas, o Grupo de Cantares de Mulheres do Minho actúa xunto co Conservatório de Música Calouste Gulbenkian de Braga, e ás 18.30 horas, a compositora canadense Kara-Lis Coverdale presenta o resultado dunha residencia artística no órgano de tubos da Basílica dos Congregados, onde combinará a súa paixón por este instrumento con exploracións sonoras propias do territorio da música electrónica.
A xornada inaugural culminará cun gran espectáculo multidisciplinar na Avenida Central, ás 21 horas, no que participarán, entre outros, Mariza, Dino d'Santiago, Iolanda e varios colectivos artísticos de Braga.