Esta fin de semana, o Blues Museum

O blues contemporáneo conquista Lugo

A banda estadounidense de blues Southern Avenue, que actúan este sábado 21 de xullo en Lugo. Foto: cedida.

Na densa oferta de festivais de música no verán galego hainos de varias tipoloxías. Politizados, de menú variado, inclinados ás bandas galegas, con nomes de eco internacional, veteranos, abertos a outras artes ou estilisticamente monográficos. A esta última categoría pertence o Blues Museum, que esta fin de semana celebra en Lugo a súa segunda edición.
 

Tres concertos abrirán o encontro na Praza da Soidade, ao pé do Museo Provincial, esta sexta feira. O blues contemporáneo expresarase a través dos vascos Travellin' Brothers, que actuarán ás 21.30 horas. Oito discos e un milleiro de bolos ás costas aválanos.

Despois será a quenda de Aurora & the Betrayers, banda con sede en Madrid, ángulos soul e un potente groove. The Cyborgs, dúo procedente de Italia, pecharán a noite cunha idea do blues en que colisionan tamén funk e punk.

 

O sábado 21, o Blues Museum arrinca xa de mañá. Ás doce, o escollido mellor guitarrista europeo nos European Blues Awards, Laurence Jones, ofrecerá unha clase de balde nos xardíns do Museo Provincial. Para asistir cómpre anotarse no enderezo electrónico cultura@deputaciónlugo.org.

 

The Cyborgs repetirán actuación en Campo Castelo, mais en horario de sesión vermú a partir das 13.45. E á noite, de novo na Praza da Soidade, a xornada grande do festival. Inaugúrana ás 21.30 Southern Avenue, segundo a organización “a banda de blues máis relevante e popular de Memphis, USA”, e finalistas do International Blues Challenge 2016.

 

Seguirá Laurence Jones e clausurarán esta fin de semana lugués dunha das máis definitorias músicas afroamericanas os cataláns Dani Nel.Lo & Los Saxofonistas Salvajes. Nel.Lo formou antes en Los Rebeldes ou nos Mambo Jambo. Agora dedícase a recuperar o son do rhythm and blues e o rock & roll primeiro.

 

O II Festival Internacional de Blues de Lugo Blues Museum organízano a Deputación de Lugo e mais o concello.