Relatan...Nós

Berta Dávila: "Un proxecto de vida compartido pode parecerse bastante a subscribir unha hipoteca cun banco"

A escritora Berta Dávila é a autora do relato 'O espazo interior' que hoxe achega 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987), poeta,  escritora e gañadora do Premio Xerais 2021 por Os seres queridos, participa na colección Relatan... Nós coa historia titulada O espazo interior, que hoxe vostede atopará no interior deste xornal. En conversa con Nós Diario, Dávila reflexiona sobre as separacións no ámbito da parella.

Que lle parece a iniciativa de Nós Diario de editar unha colección de relatos para conmemorar os dez anos de Sermos Galiza?
É bonito sempre celebrar a permanencia dun proxecto, e paréceme bonito en especial facelo cun agasallo literario. Estou contenta e agradecida de que me convidasen a tomar parte nisto. Ademais, escribir por encarga é algo que me gusta bastante, porque me dá a posibilidade de sentar e bosquexar algunhas ideas nun marco máis ou menos acoutado, que é ter un tempo limitado para facelo e tamén unha extensión. 

O seu relato fala dunha ruptura e das súas consecuencias. Estamos preparadas e preparados como persoas para afrontar unha situación deste tipo? 
Desde logo que si. Non me parece nada anómalo. As persoas deberiamos estar preparadas para aceptar a frustración e para aceptar que xa non nos queira alguén, pero hai algo que me interesa nisto e é a sensación de estrañeza do protagonista. Non ten que ver coa dor realmente, nin coas consecuencias.

De feito el di que está preparado para aceptar as consecuencias prácticas da ruptura, pero non a desorientación que aparece cando alguén que antes te quería dunha maneira concreta agora xa non te quere desa maneira ou mesmo non te quere en absoluto. Tampouco hai un motivo nítido, porque non sempre hai un motivo nítido para que alguén te deixe de querer.

A ruptura que hai aquí é "civilizada", non é o final dunha grande historia de amor tráxica. En realidade case ningunha historia de amor é unha grande historia. O personaxe percíbese a si propio como o heroe dun drama romántico aínda sendo ben consciente de non selo. Interesábame ese momento de ridículo. Creo que é inherente a unha ruptura e que non ten que ver cun problema para afrontar a situación.

Tamén me apeteceu escribir sobre esta ruptura civilizada porque en realidade ao protagonista non lle ocorre nada interesante. Son cousas que pasan, ese era o tema. Todo o seu drama son cousas que pasan.

O que el perde son as rutinas, a estrutura da vida, e está estrañado. Actúa de maneira imprevisíbel e pouco confortábel, busca algo que o sosteña. É como se ardese a súa casa unha noite e os demais agardasen del unha aceptación inmediata. Creo que está molesto con iso, e que o seu xeito de dicilo é facer cousas raras.

Coido que tamén hai unha reflexión sobre a soidade e a dependencia da parella. O medo á primeira pode chegar a deixarnos caer na segunda? 
O personaxe está instalado nunha relación amorosa confortábel. A min isto non me parece necesariamente un signo de dependencia ou non unha dependencia problemática en si mesma. Todos somos dependentes dos afectos na medida en que construímos un proxecto de vida con outra persoa ou con outras persoas. Ás veces as persoas temos medo da soidade, pero outras tamén temos medo ás consecuencias dos vínculos. 

Un proxecto de vida compartido con alguén pode parecerse bastante, na sensación de compromiso, a subscribir unha hipoteca cun banco, e non é doado saír del. O relato fala dun tipo de amor así, que ten que ver co costume de compartir a mesa e durmir con alguén. Só que hai unha parte da parella que está instalada nese tipo de amor e satisfeita con esa vida e con ese compromiso, e outra parte que deixa de estalo porque quere outra cousa ou, polo menos, non quere esa.