Benxamín Otero: "Aproveitei para compoñer unha peza instrumental e documentar a aurora boreal"

Ramón María Aller foi un importante astrónomo e matemático que, no ano 1938, documentou unha aurora boreal vermella que se deixou ver na Galiza e en boa parte de Europa. A partir deste suceso, o músico Benxamín Otero levou a cabo o proxecto audiovisual Aurora e Aller, que xira arredor dunha composición coa que busca describir as sensacións que se puideron vivir aquela noite.
Benxamín Otero - Adela Otero
photo_camera No 2020, Benxamín Otero publicou o EP 'Tocar a pel do animal' xunto a Elena Tarrats. (Foto: Adela Otero)

Como nace a idea de levar a cabo esta iniciativa?

A historia da aurora boreal xa a coñecía e hai tempo que a quería contar. Cando o ano pasado saíron as axudas de política lingüística do Fondo Xacobeo 21-22, presenteina a ver se habería opción de realizala ou non. Finalmente saíu adiante e para min foi estupendo, posto que tamén implicou contar cun respaldo económico para levar a cabo o videoclip.

Por que escolleu este fenómeno?

Levo un tempo investigando para facer un espectáculo de música, pero a través da luz. Empreguei un sintetizador e a guitarra eléctrica, así como o óboe e o corno inglés, que son os meus dous intrumentos. Explorar todo ese camiño, pero dunha maneira diferente a como se fai habitualmente, que é máis rítmico e cadrado. Busco unhas texturas máis horizontais, o que se pode definir como música ambiente. 

Este fenómeno adáptase moi ben ao tipo de música que a min me gusta facer ou que viña facendo, unha música descritiva, que busque contar estas paisaxes luminosas. Aproveitei para facelo todo, unha peza instrumental e documentar este feito que a min me parece tan fascinante.

Como foi o proceso de composición da peza?

Había varias cuestións que me interesaban, xa que se mesturan cousas que me parecen moi bonitas. Por unha banda, está esa dualidade da razón e do espiritual. Imaxino como o recibiron os veciños e veciñas en plena Guerra civil. Cóntoo desde Lalín, porque é onde estaba Aller, pero foi algo que puido ver practicamente toda Europa e que causou pánico. Que nunha noite de inverno no ano 1938 en medio dunha guerra o ceo se tinga dun vermello moi intenso causa moito medo. Entón, está esa parte do home de razón e de ciencia que era Don Ramón Aller, pero tamén esa parte do home espiritual.

Logo, está a dualidade do que nos provoca certo medo, pero que á vez nos pode chegar a suscitar beleza. Cando compuxen a peza quixen transmitir iso. Hai momentos, preto do final onde a peza se volve un pouco caótica e hai moitos ruídos que se van acumulando. Acaban deixando paso a unha caixa de música, a esa dualidade tamén do descoñecido, do pánico que dá lugar á beleza. Intentei contar todo isto a través dunha música que busca ser descritiva de todo este fenómeno. Así mesmo, leveino a cabo na casa de Don Ramón Aller, xa que me parecía moi bonito poder contalo no que foi o seu fogar.

Ademais de pór en valor a figura de Aller, que outros fins persegue?

Unha investigación musical pola miña parte. Un traballo de exploración de novas sonoridades con instrumentos como o óboe ou o corno inglés, incorporando neste caso o sintetizador analóxico. Ver de que maneira podo construír pezas musicais e instrumentais longas. Hai unha experimentación que creo que é interesante. De feito, a miña idea é seguir explorando neste camiño para construír un espectáculo musical onde, en solitario, vou traballando todas estas texturas sonoras.

No vídeo, tamén se inclúen declaracións dunha testemuña sobre o suceso.

Para min foi algo moi bonito. Teño máis localizadas, pero esta resumía moi ben todo o que quería contar. Ademais, ela é unha persoa que naquel momento era unha nena que foi á casa de Aller e conta como el lles explicou que era unha aurora boreal. Foi moi emotivo poder incluír esta testemuña. Recordo tamén que miña aboa me contaba este feito. É un suceso tan raro e tan espectacular á vez, que quedou na memoria de todo unha xeración. Aínda así, é curioso, porque moita xente me comenta que o descoñecía. A pesar de ser algo tan especial, case se descoñece que ocorreu isto.

Comentarios