A Banda Municipal de Santiago presenta unha programación que enxalza a "época dourada" da música galega
O segundo ciclo de programación da Banda Municipal de Música de Santiago, composto por 12 citas e varios concertos didácticos que decorrerán entre o 18 de xaneiro e o 10 de maio, ofrecerá "un repertorio galego de moitísima calidade", segundo o seu director, David Fiuza.
Fiuza, que regresa á dirección tras abandonala en 2024 con motivo da finalización da súa excedencia santiaguesa, subliñou "a importancia" do galego na programación presentada durante a mañá desta cuarta feira no Pazo de Raxoi.
A estrea de seis pezas propias da Galiza e a interpretación de 14 obras galegas non se trata, a ollos do director, dunha iniciativa integrada de "maneira forzada", senón que ten que ver coa "época dourada" a nivel musical da que goza Galiza.
Este domingo, no Teatro Principal, iniciarán este segundo ciclo coa interpretación de pezas en galego do músico granadino Óscar Musso, sendo para Fiuza unha mostra de que "a música galega xa se escribe desde fóra". Respecto aos concertos do mes de xaneiro, que terán lugar este domingo e o día 25 no mesmo escenario, destacou que xa se repartiron o 80% das entradas gratuítas para a primeira data e o 50% para a segunda.
Presenza de mulleres solistas
Ao longo do ciclo, a banda contará coa colaboración de catro solistas galegas, tres delas mulleres cun "potencial tremendo". Rosa Cedrón, Iria Pérez, Lida Silvias e Adrián Silva serán protagonistas en distintas citas ben a través da súa voz ou das súas habilidades coa marimba, o oboe e o frautín respectivamente.
Así mesmo, Fiuza anunciou que este inverno será a primeira vez que a banda se integre no ciclo de 'Lugares e órganos' cun repertorio que busca emular "o rexistro do órgano a través dos tubos da banda". O director tamén destacou a terceira cita da programación, a única que terá lugar no Auditorio da Galiza, pola presenza da artista plástica Noa López e a compositora Carmen Rodríguez canda a mencionada Rosa Cedrón.
Fiuza, da mesma maneira maneira que a concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, agradeceu o labor realizado na dirección durante o último ano por Casiano Mouriño, quen agora queda no posto de vicedirector e saxofonista. Louzao, á súa vez, enxalzou a relevancia da banda á hora de "construír unha Compostela orgullosa de se mesma na que a música ten un papel fundamental".