O recurso contra o Decreto do Plurilingüístico foi un dos cabalos da batalla neste tempo de crise da Academia despois de que o anterior secretario e agora presidente en funcións, Xosé Luís Axeitos, acusase os “críticos” coa executiva presidida por Ferrín de querer retiralo pola presión da Xunta. A véspera de ser elexido un novo presidente da RAG, Axeitos publica na web da institución unha nota pola que informa da dilixencia recibida do Tribunal Supremo segundo a que se notifica que se lle abre un prazo de trinta días á Xunta para “manifestar se sostén ou non o recurso de casación preparado contra a resolución dictada no recurso contencioso-administrativo un. 591/2010”, ao tempo que se exime de taxas á RAG polo recurso presentado.
A comunicación do Tribunal fai concluír á presidencia en funcións da RAG que a Xunta a día 15 de abril “non tiña desistido do seu Recurso de Casación e por tanto está en prazo para completar a súa formulación ante o Tribunal Supremo”.
Na nota publicada na páxina da Academia, lembran que o seu é “un dos escasos recursos no que o conflito lingüístico arredor do galego chega ao Tribunal Supremo de Madrid, cando os idiomas catalán e vasco foron defendidos neste alto tribunal en numerosas ocasións polos seus respectivos gobernos”.
Na véspera das eleccións do novo presidente, Xosé Luís Axeitos -que presumibelmente concorrerá na candidatura de Manuel González- valora na páxina da Real Academia Galega que “os servizos xurídicos da RAG seguen a facer un traballo responsábel, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración”.
Conclusións dos Encontros para a Normalización
“Converte o galego en invisible e inútil” é a conclusión a respecto do decreto do plurilingüismo á que chegaron os XV Encontros para a Normalizacióon Lingüística celebrados no Consello da Cultura Galega e coordinados por Henrique Monteagudo, membro do candidatura presidida por Alonso Montero. As conclusións difundidas na tarde da sexta feira sinalan que a nova normativa “favorece claramente a posición hexemónica do español”.