"As aulas baleiras", por Salma Touriño Fernández
A mañá de novembro era fría e húmida, como tantas outras na aldea, pero ese día, o vento parecía ter unha intensidade especial, como se quixese espertar recordos e remover conciencias. Paula camiñaba co abrigo pechado ata o pescozo e un caderno de tapas vermellas baixo o brazo. O destino era a vella escola unitaria, un edificio que gardaba a memoria de xeracións e que agora estaba a piques de desaparecer.
A escola estaba tal e como a lembraba: a madeira escurecida polo tempo, as xanelas pequenas con cristais vellos, o tellado cuberto de musgo. Pero o que máis lle chamou a atención foi o cadro que colgaba no fondo da aula: A derradeira lección do mestre, de Castelao. Paula quedou parada fronte a el, mirando cada trazo, cada expresión. Era a primeira vez que o observaba soa, sen a voz do seu avó Manolo explicándolle cada detalle. O mestre, ferido, de pé, os alumnos ao seu redor e aquela frase que sempre resoara na súa casa: "NON MÁIS SANGUE INOCENTE”.
O que máis lle chamou a atención foi o cadro que colgaba no fondo da aula: 'A derradeira lección do mestre'
Desde pequena, Paula pasara horas escoitando ao avó falarlle de Castelao e da represión franquista contra os mestres galegos. Contáballe como o seu bisavó, mestre nunha escola da montaña, perdera o seu posto por ensinar en galego, por defender unha educación libre e digna. O avó repetíalle con paixón:
"Un pobo que non sabe defender a súa cultura está condenado a desaparecer". E esa frase quedara cravada en Paula.
Cando días despois soubo oficialmente que a escola pecharía ao final do trimestre, sentiu unha mestura de impotencia e furia. Estaba segura de que non podía deixar que aquilo acontecese sen facer nada. Falou cos seus pais durante o almorzo.
—Xa está feito —dixo seu pai, resignado—. Dende hai anos que o din. Agora xa non hai volta atrás.
—E ti vas quedar tan tranquilo? —respondeu Paula, furiosa—. E todo o que me contou o avó? E a avoa? E Castelao?
—Mira, Paula… as cousas cambian. Hoxe os rapaces van ao instituto da vila. Hai máis medios, máis profesores… —xustificou a nai.
—Máis medios non significan máis raíces —disparou ela, ergueuse da mesa e marchou sen rematar o café.
Camiñou sen rumbo durante case unha hora ata acabar diante da escola. Entrou, sentouse nun dos vellos pupitres e mirou o cadro. Aquela vez non chorou. Só pensou. E comezou a escribir.
Publicou nas redes sociais unha foto do cadro coas palabras:
"A escola da miña aldea vai pechar. O mestre segue pendurado. O mestre segue de pé. E nós… que facemos?"
En menos de dous días, a publicación tiña cento cincuenta comparticións e comentarios de toda Galicia. Mestres, estudantes, xente nova e vella. Algúns contaban que tamén perderan as súas escolas unitarias. Outros ofrecían apoio. Unha profesora da Coruña escribiulle en privado:
"O teu texto emocionoume. Non deixes de loitar. Precisamos máis voces coma a túa".
E Paula non parou.
Falou cos seus compañeiros do instituto. Organizaron unha reunión no centro social da aldea. Convocaron á veciñanza, antigos mestres, nais, pais. A primeira xuntanza foi pequena pero intensa.
—Non é só pola escola —dixo Paula diante dos asistentes—. É pola memoria, pola cultura, pola lingua. É por nós.
Un veciño, Xoán, que fora alumno alí nos anos oitenta, ergueuse cun cartel que gardaba na casa: "Nesta aula aprendín a ler. Agora non vou calar".
Comezaron a organizarse. Un grupo de xente nova decidiu crear unha plataforma de defensa da escola. Propuxeron facer unha exposición sobre a historia do centro, gravar vídeos coas testemuñas dos antigos alumnos, e sobre todo, facer un acto simbólico o día 14 de decembro, coincidindo co aniversario da primeira exposición pública do cadro de Castelao.
O centro encheuse. Non de nenos, senón de palabras. Non de libros, senón de voces. Recitáronse textos de Castelao, antigos mestres contaron como ensinaban en galego ás agachadas, e os rapaces do instituto fixeron unha pequena dramatización da escena do cadro.
Cando lle tocou falar, Paula tiña un nó na gorxa, pero non dubidou.
Abriu o caderno vermello e leu o que escribira a primeira vez que regresara á aula:
"Non hai mestres, nin alumnos. Só o silencio e a túa mirada, Castelao. Din que esta escola vai pechar. Que non hai nenos dabondo. Que non compensa. Pero ti sabías ben o que custa esquecer. Por iso pintaches a memoria. Por iso aquí estás, agardando por nós. Eu non vou calar. Porque esta é tamén a miña derradeira lección".
Os aplausos encheron a sala.
Unha semana despois, varios medios galegos publicaron novas sobre o acto. E, para sorpresa de moitos, dous días despois, un comunicado oficial anunciaba que a escola non pecharía. Ían avaliar a súa reconversión nun espazo cultural e educativo rural.
O Espazo Castelao.
O proxecto converteuse nun símbolo de loita. O edificio pasou de estar abandonado a ser un centro de activismo cultural.
A primeira aula dedicouse a A derradeira lección do mestre. A segunda aula acolleu obradoiros de lingua, encontros interxeracionais, contacontos. O cartel da entrada dicía:
"Aquí aínda se aprende."
Nunha visita de estudantes da cidade, un deles achegouse a Paula.
—Vós tedes sorte —dixo—. Nós non temos nada disto no noso colexio.
—Sorte non —respondeu ela—. Temos memoria. E a memoria é algo que se constrúe.
E así, a escola que estaba condenada a desaparecer transformouse nun faro de identidade e resistencia cultural. Paula, con só dezaseis anos, demostrara que a loita pola memoria non era cousa do pasado. Era un acto diario.
Porque mentres houbese alguén disposto a falar, a lembrar e a loitar, Castelao nunca marcharía de todo.