Compañeirismo na canteira

O audiovisual do futuro vén pisando forte desde Vigo

Setembro arrinca, por mor dos adiamentos provocados pola pandemia, como un mes no que se van concentrar boa parte dos festivais de cinema do país. Entre artistas internacionais e os nomes galegos máis consolidados, estes eventos son tamén un importante lugar para as que dan os seus primeiros pasos no sector. 'Nós Diario' intérnase nesa canteira de curtametraxes que vai dar moito que falar e que semella ter en Vigo o seu epicentro.
A actriz Lidia Veiga interpreta Amelia en 'Onde dormen as gaivotas' (Dani Cornes).
photo_camera A actriz Lidia Veiga interpreta Amelia en 'Onde dormen as gaivotas' (Dani Cornes / Adán Cordeiro).

Tocoulle a Cans (O Porriño) abrir a veda festivaleira deste setembro de 2020, que ben poderiamos bautizar como o máis audiovisual da historia. Mais axiña o seguirán outras citas como o FIC Vía XIV de Verín, que comeza o sábado, ou o FicBueu, a vindeira semana.

Estes eventos son especialmente importantes para as que dan os seus primeiros pasos no sector. E aconteceu en Cans que, reunidas as participantes da sección "Novas Camadas", que aglutina as propostas das creadoras noveis, os mesmos nomes repetíanse nos créditos.

Unha feliz coincidencia que dá conta dunha xeración da Universidade de Vigo que empurra con azos para entrar pisando forte, con apostas arriscadas e moi diversas que constatan xa non só a boa saúde da creación actual, senón a continuidade da canteira formada na Galiza.

Olladas diversas

Cristina Yáñez achégase en Na memoria da túa esposa á temática da soidade no rural, a través dunha historia que bebe moito da realidade que a arrodea. "É o que vin na miña avoa, desde que morreu o meu avó", explica.

A raíz de fixarse en como xestionaba esa ausencia e comentalo con amizades, que detectaran comportamentos parecidos no seu contexto, ocorréuselle este relato que ademais foi filmado na propia aldea onde viviu.

A curtametraxe naceu como un traballo para as aulas que implicaba "dez amigos", comenta Yáñez, "mais non queriamos que ficase aí". Aínda coa idea de movela por festivais, a selección para Cans foi toda unha sorpresa. "Flipamos", asegura a directora, "non só pola visibilidade, non o agardabamos e é unha honra".

"Flipamos", asegura Cristina Yáñez, "non só pola visibilidade, non o agardabamos e é unha honra"

Pola súa banda, Alejandro Rodríguez xa leva certo percorrido co que foi o seu Traballo de Fin de Grao (TFG), Trala porta, un relato de temática social que segue a Chloé, acosada pola violencia de xénero e familiar, e Lázaro, coa que exploran a liberdade sexual.

Aínda que xirou por outros festivais como o Curtas Armadiña ou o Festival Internacional de Cinema de Ourense, o do Porriño faille especial ilusión a Rodríguez porque acode con frecuencia como público e resulta "gratificante pasar ao outro lado".

Ademais, pode sentirse ben arroupado, porque está rodeado de compañeiras e compañeiros. El, por exemplo, foi cámara na curtametraxe Toda aspereza, dirixida por Pablo Aguilar, na que tamén participa Yáñez. Esta peza parte, segundo explica o autor, do interese polas arquitecturas abandonadas, tamén a nivel fotográfico, para desenvolver un retrato da "morfoloxía dos lugares" desde unha vertente moi sensorial.

Aguilar comezou traballando desde o eido da videoinstalación, pero non lle valía para presentar como TFG, polo que adaptou o proxecto ao formato curtametraxe, cunha personaxe guía que percorre os seus recordos e emocións.

Aguilar fai dirección de arte na peza que presenta Daniel Arana. Norte é a súa primeira obra de ficción como director, froito doutro TFG, e como naquela altura non sabía se tería outra oportunidade de facer algo así, decidiuse por explorar o terreo íntimo da identidade, desde un "ton fantástico e onírico".

Dani Cornes estreou na Galiza, en Cans, Onde dormen as gaivotas, unha curtametraxe que xa tivo percorrido en festivais estranxeiros, por exemplo en Rusia. "É como sacar unha espiña cravada", afirma o director, "parece que fai máis ilusión na casa".

"É como sacar unha espiña cravada", afirma o director Dani Cornes, "parece que fai máis ilusión na casa"

Nas próximas semanas pasará tamén por Verín e Bueu esta peza que naceu dunha convocatoria do concello de Vigo para financiar audiovisuais que  promovesen os valores patrimoniais das illas Cíes. "Hai que aproveitar todas estas oportunidades que aparecen", declara. Cornes e o seu equipo decidiron arriscar e presentar unha historia distópica na que este paraíso natural é o último que se conserva no planeta, afastándose do ton publicitario que marcaría outras achegas. E gañaron.

Ariadna Cordal, ademais de participar en Onde dormen as gaivotas, colouse na sección oficial de ficción con Papá, por que non quitas a música?, curtametraxe que ve a súa estrea mundial en Cans. Era tamén o seu TFG con Andrea Alonso e desde o comezo tiñan claro que querían facer unha peza de carácter social, baseándose na experiencia propia e coa comunicación familiar interxeracional e os efectos da crise económica no foco. Dese pouso nace un relato de 11 minutos que conta coa participación do actor Vítor Mosqueira.

Cordal xa pasara polo festival cunha curtametraxe de animación e considera que o evento "arroupa os creadores galegos e os impulsa a seguir"

Cordal xa pasara polo festival cunha curtametraxe de animación e considera que o evento "arroupa os creadores galegos e os impulsa a seguir". No seu caso, a Covid-19 paralizou a distribución, algo que para as que están comezando supón certo "desánimo", nese intre de tantas dúbidas.

Un sector complexo

Por mor da pandemia, Yáñez aínda non está graduada, fáltalle por presentar o TFG, un trámite que virá a semana que vén. Tamén se trata dunha curtametraxe que veñen de rodar e presentan baixo o selo Loba Films. Aínda que tiñan a idea de constituírse como asociación, "igual hai que agardar un pouco", comenta a respecto do contexto actual.

Mais non todo é negativo. Yáñez observa que ultimamente hai varios festivais que ofrecen espazo para as que comezan, malia que o panorama a nivel laboral parece complexo. De momento, a chave está en "intentar non perder diñeiro co que facemos", asegura.

Cornes tampouco se deixa dominar polo pesimismo. Se hai un par de anos vía moi "intanxíbel" entrar no circuíto, hoxe en día xa non lle parece tan distante. Rodríguez é igualmente consciente de que "non é doado" facerse un oco. "Somos moitos, hai moita xente con talento facendo cousas e ao final é cuestión de traballo e esforzo", reflexiona, agardando acabar algún día por "entrar na roda".

Para Cordal a industria vai por bo camiño e observa con optimismo a posibilidade de facer cousas, aínda sen tantos cartos ou recursos como sería necesario. Se cadra por iso cómpre "seguir loitando para mellorar o sector".

E a emigración?

A situación non está moito mellor fóra. Aguilar cursou o erasmus en Berlín e residiu alí o ano pasado, mais volveu por mor do coronavirus. Aínda que admite nas grandes cidades é "máis fácil visibilizar o traballo en galerías, museos, cafeterías...", tampouco é fácil abrirse camiño, "ás veces a codazos", nun eido complicado. Con todo, gustaríalle retornar. Cordal tamén marcha este ano a Barcelona para facer o mestrado, aínda que espera poder integrarse noutros proxectos cando regrese.

"As últimas xeracións da Uvigo están facendo cousas moi 'guais' e apuntan alto", opina Aguilar

Aguilar considera bonito "ir en pandilla" e destaca o potencial das súas compañeiras da Uvigo: "as últimas xeracións están facendo cousas moi guais e apuntan alto". Cornes recoñece o compromiso dos profesionais docentes e da institución, que apoia o alumnado prestando material.

Aliás, teñen a forza do común. "Ao final somos todos compañeiros", di Arana, que observa unha escena prolífica, aínda que sexa con traballo "por amor á arte", e a perspectiva laboral se esboce máis escura. Tempo ao tempo, mais queden cos nomes. Son os do cinema que vén.

Comentarios