A Asociación de Editoras Galegas renova a súa Xunta Directiva

A nova xunta directiva da Asociación de Editoras Galegas. (Foto: AGE)

A asemblea extraordinaria aprobou esta quinta feira en Compostela a renovación dos seus cargos logo de catro anos do actual equipo. Miguel Toval, de Edicións  Embora, releva na presidencia a Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora. Terá como vicepresidente a Francisco Alonso, director de Edicións Xerais.

A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O novo presidente, Miguel Toval, de Edicións  Embora, releva no cargo a Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, no remate do seu mandato de catro anos.

O presidente saínte, Henrique Alvarellos, fixo balance deste período á fronte da Asociación, e nel destacou "a estabilidade económica da AGE, o incremento de editoras asociadas ata alcanzar case que o seu máximo histórico con 47 empresas agremiadas, a posta en marcha de accións formativas profesionais durante todo o ano, a colaboración continua cos outros colectivos da cadea do libro como a AELG e a Federación de Librarías, e a conmemoración, tamén neste período, dos cen anos de edición moderna na Galiza (1924-2024) e dos 40 anos da fundación da propia Asociación". 

A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada presencialmente e por videoconferencia, e convocada expresamente con esa finalidade. A lista encabezada por Miguel Toval foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, o presidente saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos catro últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes. 

Canda Miguel Toval, a actual dirección da AGE complétase con Francisco Alonso, de Xerais, como vicepresidente; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Ana Guerra, de Obradoiro, como tesoureira; e como vogais, Edurne Baines, de Belagua; Celia Recarey , de Irmás Cartoné, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora e Marcos Calveiro, da Editorial Galaxia. 

Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma dúas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica como na temática das súas respectivas producións.

"O libro galego ten por diante varios retos", din desde AGE, "superar o índice de vendas actual, definir unha estratexia de internacionalización da produción editorial galega e concretar en medidas e plans específicos o recoñecemento do libro galego como sector estratéxico".

"A AGE", continúan, "ofrece á Administración a súa colaboración para a elaboración dun Plan Lector para o libro galego que contribúa á mellora dos índices de lectura e á superación dese paupérrimo 8% de venda de libros en lingua galega".