VÍDEO | Así soa Tapa D, Orella: o novo proxecto musical de Willow GHZ e Pappaquino
O dúo vén de publicar o seu segundo sinxelo, Punto de Mira, no que Willow GHZ e Pappaquino combinan frescura, humor e unha forte conexión coa mocidade galega a través das redes sociais.
O novo dúo galego Tapa d’Orella, integrado polos coñecidos artistas Pappaquino e Willow GHZ, vén de publicar o seu segundo sinxelo, Punto de mira, unha proposta que combina frescura, humor e unha forte conexión coa mocidade galega a través das redes sociais.
Un tema que naceu da interacción coa comunidade
A orixe de Punto de mira é tan singular como representativa da nova maneira de crear música na era dixital. Durante un directo en TikTok, Pappaquino comezou a compor unha canción coa participación activa dos seus seguidores, que contribuíron en tempo real á construción da melodía e das primeiras frases.
Ao día seguinte, Willow GHZ, a outra metade de Tapa d’Orella, sorprendeu á comunidade cun TikTok no que engadía a súa propia parte ao tema. Esa intervención espontánea completou a estrutura da canción e deu lugar ao sinxelo que agora presentan.
Tapa d’Orella consolida con este lanzamento un estilo propio que mestura música urbana, electrónica e unha estética moi ligada á cultura dixital galega. O dúo destaca pola súa capacidade de conectar coa audiencia moza, pola súa creatividade e polo uso das redes como espazo de creación colectiva.
O proxecto está converténdose nun exemplo do talento emerxente que xorde desde o país e que se move con naturalidade entre o humor, a música e a creación audiovisual.
Un segundo paso que confirma o seu potencial
Tras o bo recibimento do seu primeiro sinxelo, Punto de mira reafirma a identidade de Tapa d’Orella e sitúa o dúo como unha das propostas máis orixinais da nova escena galega. O lanzamento chega acompañado de contido audiovisual e dunha estratexia que mantén a esencia do proxecto: proximidade, participación e unha personalidade artística.
“Punto de mira” xa está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais e nos perfís de Tapa d’Orella nas redes sociais.