As músicas sen abrigo de FAIA

O radical Ao Cabo Leirín chega ao dixital tras se publicar en vinilo
FAIA Faia Díaz Novo 2
photo_camera Faia Díaz Novo nun concerto como FAIA. Foto: cedida.

Ao Cabo Leirín foi un dos discos máis profundos, inauditos e radicais de cantos se publicaron na Galiza en 2019. Os sucos do vinilo aparecido a pasada primavera abeiraban unha aproximación directa, en cru, case un ensaio sonoro, ás ideas de canción popular e tradicional. Esta música desabrigada naceu a nome de FAIA, o proxecto da cantante Faia Díaz Novo. Meses despois do disco en formato físico, Ao Cabo Leirín chega ás plataformas dixitais da man da discográfica Raso Estudio.

"A música que levamos dentro non é aquela que descubrimos na última playlist de moda, ou naquel festival de masas de quenda", explican desde Raso Estudio, que tamén licencia outros traballos de investigación sobre as costuras do tradicional como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria, "a música que levamos dentro é aquela que lle sentimos cantar ás nosas avoas e nais nos espazos domésticos". Xustamente esa realidade é a que documenta FAIA en Ao Cabo Leirín.

Organizado en dúas caras -estrutura pensada para o vinilo-, na primeira é a propia Díaz Novo a que recupera cancións tradicionais a capella, rexistradas en escenarios pouco habituais para recollelos en disco: unha taberna, un armario ou á calor da lareira. A música gravada onde sucedía a música antes da súa industrialización. Na segunda cara, voces de mulleres que "como ela, converteron estes cantares na narración da historia das últimas décadas". "Neste disco o diálogo prodúcese tanto desde o que se canta como onde se canta, onde se escoita, de onde vén e cara onde vai", di Raso Estudio.

A estratexia aproxímase á das gravacións de campo [field recordings] e á da etnomusicoloxía. Pero a vocación de FAIA execede a vontade arquivística. O de Ao Cabo Leirín é un folclore vivo, a proba de que a música popular aínda expresa verdades practicábeis e funciona alén do museo. E tamén, segundo a discográfica, "unha mostra de sensibilidade doméstica, historia e feminismo". Dalgunha maneira enlaza con experimentos recentes noutras latitudes, por caso os do vasco Ibon RG no dobre disco Hil zara (2019).

Nas plataformas

Díaz Novo contou en Ao Cabo Leirín coa colaboración de Hevi -núcleo de Malandrómeda e Fluzo- en tarefas de produtor artístico. Porén, no traballo non hai nin efectos, nin filtros, nin posprodución. É audio verité igual que no seu día se falou de cinema verité.
A partir de agora o primeiro traballo de FAIA -e debut en solitario da propia Faia Díaz Novo- poderá escoitarse nas principais plataformas dixitais, entre outras Spotify, Bandcamp, Amazon, Youtube, Deezer ou Tidal.

Comentarios