Arte urbana, protagonista do miradoiro de Monte Porreiro

O Urbana Monte Porreiro retorna estas terza e cuarta feira a Pontevedra coas actuacións de John Pollõn, Hugo GZ, Califato 3/4 e Rebeliom do Inframundo.
Ambiente do público no festival Urbana Monte Porreiro do ano pasado. (Foto: Concello de Pontevedra)
Ambiente do público no festival Urbana Monte Porreiro do ano pasado. (Foto: Concello de Pontevedra)

O Urbana Monte Porreiro volve un ano máis ao miradoiro deste barrio pontevedrés. Esta terza feira deu comezo coa actuación de John Pollõn, músico da comarca do Bierzo que arrasou no panorama estatal dando o salto en 2021; e estivo seguido no escenario de Hugo GZ, co seu proxecto en solitario após Son da Rúa, e é un dos maiores representantes do rap na Galiza. 

A cuarta feira, segundo e último día de Urbana Monte Porreiro, as actuacións comezarán ás 21 horas con Califato 3/4, banda andaluza que combina electrónica con músicas enraizadas da cultura tradicional da súa terra, conformando un espectáculo único no escenario. Seguidamente actuará Rebeliom do Inframundo, agrupación composta por Nervo, Frank, Malvares de Moscoso, Movementss e iPol. Con raíces en Ponteareas (O Condado), o grupo consolidouse como un dos maiores expoñentes do rap en galego tanto no territorio como a nivel estatal. O festival comprende dúas xornadas nas que a arte urbana cobra protagonismo mantendo un compromiso cos artistas e a cultura da terra. Todos os concertos son de entrada libre e gratuíta.

O concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, lembrou que este ciclo volveuse un "evento fixo" no estío pontevedrés dirixido especialmente á mocidade. Así se pronunciou no acto de presentación do festival, decorrido a semana pasada. Destacou o edil ademais que o propósito é levar a Pontevedra artistas comprometidos coa súa música e arte, como os que o acompañaron durante a xornada de presentación: o grafiteiro O Ras, incluído no programa do festival coa realización de pintadas no recinto; e Nervo e Frank, integrantes do grupo que fecha hoxe o Urbana Monte Porreiro.

Comentarios