O Apalpador e a Apalpadora xiran pola Galiza mantendo viva a tradición

Administracións públicas, centros de ensino, agrupacións culturais e veciñais ou entidades pedagóxicas están a axudar o Apalpador e a Apalpadora a chegar aos concellos da Galiza neste Nadal, co obxectivo de agasallar as crianzas e alimentar a tradición.
O Apalpador chegou a Ferrol da man da AC Artábria, en decembro de 2024. (Foto: AC Artábria)
O Apalpador chegou na segunda feira a Ferrol da man da AC Artábria. (Foto: AC Artábria)

Unha das tradicións que se están recuperando cada vez con máis forza no país é a figura do Apalpador ou Pandingueiro, personaxe lendario de zonas como Os Ancares, O Courel, Terra de Trives ou O Bierzo; e que Xosé Ramón Branco Buxán, autor de Nadal e consumismo (Laiovento, 2024), define en declaracións a Nós Diario como un “carboeiro que baixa polas noites do Solsticio de inverno” para apalpar os ventres da cativada e comprobar se estiveron ben alimentados ao longo do ano. Aos que comeron ben déixalles carbón para quentar a casa durante todo o ano; no caso contrario, déixalles castañas para que engorden ou un pequeno agasallo e “os desexos dun ano cheo de felicidade e alimentos”.

Os primeiros rexistros que se conservan deste personaxe datan de 1965; non referíndose a unha figura concreta, senón á Noitevella, segundo recolle o historiador e arqueólogo Jesús Taboada Chivite no documento La Navidad gallega y su ritualidad; neste afirma que na Galiza tamén denominan a Noiteboa “noite do apalpadoiro”, pola acción de tocar a barriga aos cativos.

O Apalpador esta segunda feira no Carballiño (Nós Diario)
O Apalpador esta segunda feira no Carballiño. (Foto: Nós Diario)

O investigador da USC José André Lôpez Gonçâlez apunta a que a orixe do Apalpador pode estar relacionada coas poboacións prerromanas da Galiza e do norte de Portugal; sendo unha “versión moderna dun deus milenario vencellado ao culto do sol”, adaptada polas influencias cristiás que trasladaron esta figura cara á data de San Silvestre —31 de decembro—.

As orixes históricas desta figura non comparten demasiadas similitudes coa interpretación actual, aínda que continúa gardando semellanza cos ritos ancestrais, como o seu oficio de carboeiro vencellado coa queima de madeira en simboloxía coa súa orixe solar.

Outros investigadores, como o historiador e museólogo Felipe Senén indican a este xornal que o Apalpador é un folclore traído desde Euskadi —debido ao seu gran parecido coa figura do Olentzero— no século XVIII polos ferreiros vencellados á gran tradición metalúrxica do Courel, “o Apalpador ten moita relación co Olentzero vasco, que ao mesmo tempo é unha versión moi antiga que se perde na mitoloxía céltica, nórdica e escandinava do home bo e xeneroso”.

O renacer do Apalpador

No ano 2008 a asociación Gentalha do Pichel (Compostela) levou a cabo unha das iniciativas de recuperación deste personaxe mediante un documento con información sobre o Apalpador e unha ilustración deste realizada polo artista Leandro Lamas, procurando a volta dunha tradición que naquel entón fora esquecida pola maior parte dos fogares da Galiza. 

O Apalpador, esta segunda feira, en Vigo.
O Apalpador, esta segunda feira, en Vigo. (Foto: Andrea Albar)

O rescate desta figura foi apoiado por numerosas asociacións culturais, veciñais, centros de ensino e institucións; que se encargaron de proseguir a promoción do carboeiro como un símbolo da cultura e da lingua do país.

Pola súa parte, Felipe Senén considera que a tradición do Apalpador aínda é moi "basta" debido a súa recuperación en anos recentes, creando un imaxinario moderno sobre esta figura en base a elementos como o "vello, bo, gordo e xeneroso". Aínda que ten unha esencia máis elemental; un home esfarrapado, co saco ao lombo e unha boina, que reparte castañas e agasallos. Ademais, o historiador apunta a que esta recuperación pouco elaborada débese á ausencia dunha mitoloxía cultural, artística ou teatral; “isto é unha cultura que se vai avalando, mais a cultura galega quedou moi primaria, non houbo creadores e agora están moi amarrados á memoria histórica, que está moi ben; mais perdemos o realismo máxico e a fantasía”.

A Apalpadora visitou esta segunda feira Castroverde.
A Apalpadora visitou Castroverde.

Porén, 16 nos despois da iniciativa da asociación cultural, a figura do carboeiro está cada vez máis presente nos fogares galegos. As administracións públicas neste ámbito xogan un rol imprescindíbel, xa que moitos concellos teñen en conta o Apalpador na súa programación de Nadal. Aínda que hoxe segue abundado o erro de denominar o Apalpador como o “Papa Noel galego”, malia que  teñan unha identidade completamente distinta. 

Os distintos eventos

A labor da Apalpadora e o Apalpador non só se limita ao 25 de decembro. Durante todo o mes lévanse organizando actividades nas que colaboran estes personaxes. A Apalpadora, figura tradicional, volve este Nadal cunha xira por distintas vilas organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Onte estivo en Portomarín (comarca de Lugo), Foz e Burela (A Mariña), mais tamén noutras localidade como a do Rosal (Baixo Miño), da man deste Concello e da narradora oral Iseo A Moura. O Apalpador visitou onte múltiples concellos, entre eles O Carballiño, nun acto organizado pola Agrupación Cultural Avantar en colaboración co OZOCOgz; tamén fixo un percorrido por Ferrol, organizado pola Associaçom Cultural Artábria, e na comarca de Vigo, após pasar por Soutomaior, nos actos organizados polo Concello desta localidade; visitou o casco vello de Vigo, nun acto levado a cabo pola Coordenadora da figura do Apalpador en Vigo. 

A Apalpadora, unha parte da tradición agochada

Sempre se fala dos homes do saco cheo de agasallos, do Olentzero, San Nicolás e Santa Claus; mais tamén existen representacións femininas deste tipo de figuras; “tampouco deixa de ser unha visión moi patriarcal, os ingleses na súa tradición británica e céltica teñen a figura de Mary Poppins”, afirma Felipe Senén. Actualmente na Galiza existe a figura da Apalpadoira, que non é a muller do Apalpador; ten unha vida de seu e cada vez está máis visíbel nos eventos do Nadal.

Segundo a tradición, a Apalpadora, ao igual que a súa versión masculina, habita nas montañas dos Ancares e achégase durante a Noitevella ás casas das crianzas para palpar o seu ventre e comprobar se estiveron ben alimentadas durante o ano para deixar os agasallos correspondentes.

Porén, a subsistencia deste tipo de figuras depende moito da persistencia mediante representacións culturais e artísticas; “estas cousas hai que adornalas cunha tradición literaria dun pobo que recrea sobre iso, creando contos para os nenos”, afirma Felipe Senén a este xornal. Por outro lado, moitas veces se teme caer na construción destes personaxes desde a perpetuación dos roles de xénero, como no caso da Mari Domingi, unha  figura auxiliar do Olentzero vasco.

Comentarios