Anxo Manoel gaña o Torneo de Dramaturxia da Mostra de Cangas

O proxecto, pioneiro na Galiza, conta coa imprescindíbel colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional de dramaturgas galegas. 

Torneo Dramaturxia 2021
photo_camera De esquerda a dereita, Sonsoles Cordón, Anxo Manoel e Pia Nicolletti.

O Torneo de Dramaturxia da Galiza segue consolidándose como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras e público. Este proxecto, pioneiro na Galiza, conta coa imprescindíbel colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional de dramaturgas galegas. 

O público acordou que o gañador fose o dramaturgo Anxo Manoel co texto Utopía, interpretado polas actrices Sonsoles Cordón e Pia Nicolletti

A quinta edición do Torneo decorreu esta terza feira na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Cangas, con Esther F. Carrodeguas como mestra de cerimonias da gala. Nela, catro recoñecidas dramaturgas e dramaturgos da Galiza confrontaron os seus textos na procura do voto do público.

Os participantes foron Carlos Santiago, co texto titulado Libertalia República Fráxil; Anxo Manoel, con Utopía; Fátima Delgado, con Meniña gaiteira; e Lorena Conde, co texto Bombona de osíxeno

Tras asistir ás lecturas dramatizadas de cada un dos textos, o público acordou que o gañador fose o dramaturgo Anxo Manoel co texto Utopía, interpretado polas actrices Sonsoles Cordón e Pia Nicolletti.

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega. 

Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.

Comentarios