Antón Patiño inaugurou unha mostra no espazo Évame de Vigo

Antón Patiño ante algunhas das súas obras.
'A liña do labirinto' móstrase no espazo Évame de Vigo.

Onte inaugurouse no Espazo Évame - Oroza de Vigo (Subida á Costa, 5) a exposición A liña do labirinto, do artista, escritor e ensaísta, Antón Patiño. O escritor Alberto Avendaño, compoñente do grupo de Comunicación Poética Rompente, acompañou o evento recitando poemas do seu libro Caosmos, xunto coa guitarra do histórico Pepe Bordallo.

Antón Patiño reside en Vigo desde a súa adolescencia. Alí déixase seducir polo universo literario e cultural; o seu pai era libreiro e estaba en contacto coa elite da cidade: Lugrís, Laxeiro, Celso Emilio ou Blanco Amor. 

As súas primeiras manifestacións artísticas desenvólvense no campo do deseño gráfico, a ilustración e as artes visuais. Empeza a expoñer a mediados dos anos setenta nas mostras da praza da Princesa e alí entra en contacto con artistas mozos; algúns acompañarano máis adiante en Atlántica. Neste período coñece os poetas de Rompente e a artista Menchu Lamas —que se converterá na súa parella. En 1980 viaxa a Nova York xunto con Lamas, Huete e Monroy, experiencia que catalizará a xénese de Atlántica, un movemento nado nos 80 co obxectivo de situar a arte galega no panorama internacional; é considerado como un dos alentadores da experiencia. 

 

 

A súa obra percorre o mundo en numerosas e significativas exposicións e feiras de vangarda e forma parte de famosas coleccións como a Colección de Arte Contemporánea La Caixa, MNCARS, CGAC, MEIAC, MACBA ou a de Artium, entre outras. 

Activista cultural, paralelamente á súa faceta plástica desenvolve unha ampla actividade teórica: imparte conferencias e publica libros de poesía, ensaios e monografías de artistas. É considerado un dos artistas máis representativo das propostas galegas no panorama nacional dos anos oitenta.  

O labirinto é un dos símbolos que se repiten na súa obra,  cualificada polo crítico americano Donald Kuspit como “expresionismo conceptual” e marcada pola presenza simultánea do feito físico e poético.