Antón Lopo faise co Premio Johán Carballeira de Xornalismo por unha entrevista publicada en Sermos Galiza

Terán que volver os bárbaros para liberarnos, unha entrevista a Xulio Calviño publicada no semanario Sermos Galiza nº137, fixo Antón Lopo gañador do XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu.

[Imaxe: Luís Soto] Antón Lopo
photo_camera [Imaxe: Luís Soto] Antón Lopo

O 12 de marzo de 2015, Sermos Galiza publicaba no número 137 unha nova entrega do xornalista Antón Lopo dentro da serie “Extintivos”. Nesta ocasión, o xornalista entrevistaba Xulio Calviño, unha conversa que redactou en estilo indirecto e que titulou Terán que volver os bárbaros para liberarnos. Esta colaboración valeulle ao xornalista o XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu.

O xurado, do que formaron parte o xornalista do Faro de Vigo, César Collarte, o historiador local e gañador da pasada edición, Arturo S. Cidrás, e o presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, salientou a “orixinalidade do personaxe protagonista da crónica realizada á figura de Xulio Calviño”. Tamén valorou o traballo exhaustivo de investigación, presentado a través dunha prosa fluída, inzada de referencias históricas, mitolóxicas e literarias.

“Conservo os mecanismos da profesión engraxados”

Antón Lopo atopábase durmindo en Bos Aires -participa no ciclo Compostela Colateral que desenvolve o Concello de Santiago en colaboración coa Xunta- cando espertou co son dunha nova mensaxe de Whatsapp pola mañá. Viña de ser elixido Premio Xohán Carballeira. “Estou moi contento, por varios moitos”, sinala en declaracións a Sermos Galiza. Salienta que “agora que estou no paro e despois de tantos anos de dedicación, este recoñecemento axúdame a pensar que, polo menos, conservo os mecanismos da profesión engraxados”.

Lopo, que desenvolveu case toda a súa vida laboral como xornalista, lembra como comezou a serie “Extintivos” no Sermos en papel: “A través de Carme Vidal, ofrecéronme a posibilidade de publicar algúns artigos. Ela animoume moito: é unha activista nata, un motor de creación. Aceptei e decidín realizar a serie, que desde o inicio me deu moitas satisfaccións, profesionais e vitais”.

Define “Extintivos” como un “conxunto de entrevistas, que publico sen periodicidade fixa, sobre persoas que, dalgún xeito, conxugan no bordo da extinción unha poderosa lucidez do instinto"

Define “Extintivos” como un “conxunto de entrevistas, que publico sen periodicidade fixa, sobre persoas que, dalgún xeito, conxugan no bordo da extinción unha poderosa lucidez do instinto. 'Extintivos' ten tanto de performático, como de literario. É un proxecto aglutinador, moi enriquecedor para min, e espero que tamén para as persoas que entrevisto, porque o considero un traballo compartido”. “Até o de agora, tiven a oportunidade [e a fortuna] de traballar con Emilio Araúxo, Arturo Baltar, Carme Carracedo ou Leopoldo Sanmartín”, afirma.

Preguntado pola elección de Xulio Calviño como protagonista da entrevista que o levou a gañar o XIII Premio Xohán Carballeira, Antón Lopo salienta que foi “pola súa propia biografía extintiva”. “Acababa de publicar a novela Carpe diem e quedei engaiolado coa súa forte personalidade", engade.

"Estivemos un día enteiro xuntos. Foi unha das xeiras máis fermosas da miña traxectoria periodística”, di a repeito da conversa que mantivo con Xulio Calviño

"Eu considero que Carpe diem é unha das mellores novelas galegas da últimas décadas, unha obra rupturista e exocéntrica, de calidade insólita”. “Del pouco máis se pode dicir se ledes a entrevista: estivemos un día enteiro xuntos. Foi unha das xeiras máis fermosas da miña traxectoria periodística”, lembra.

Comentarios