'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Ana Romero Masiá: “Moi probabelmente existise relación entre os poboados castrexos”

A arqueóloga achéganos esta quinta feira ao castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños, onde destacan entre os materiais pétreos atopados, pola súa abundancia, os muíños. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

 

Ana_Romero_Masiá_ foto_Elisardojm
photo_camera Ana Romero Masiá (Foto: Elisardojm, CC galipedia)

Indica no seu traballo sobre o castro de Borneiro a existencia de dúas murallas e mesmo unha terceira. Esta protección fai pensar en conflitos entre os poboadores dos distintos castros ou, pola contra, sería tamén unha forma de expresar o poder, a importancia, de cada un dos castros? Ou hai algunha outra explicación?

As murallas poden responder a varias razóns, entre elas as defensivas e as de prestixio dunha poboación pero, no caso da cultura castrexa, deben responder, na maioría dos casos, a razóns defensivas.

Isto non quere dicir que o ambiente fose de belicosidade permanente, senón que servisen como prevención ante hipotéticos ataques e de refuxio de xentes dos arredores do castro. No caso de Borneiro, polo menos polo que hoxe sabemos, non hai evidencias de ataques con resultado de destrucións de vivendas ou murallas e tampouco parece que o seu abandono fose o resultado de accións violentas ou bélicas.

As dependencias dos castros -segundo a súa dimensión- tenden a articularse en vivendas con anexos e outro tipo de construcións. Pode indicar isto que había xa un certo grao de estratificación social? Poderemos ter achádegos ou ferramentas analíticas no futuro para saber máis sobre esta cuestión?

Ogallá poidamos ter unha nova ferramenta para solucionar unha das cuestións menos coñecidas da sociedade castrexa! Polo tipo de construcións non parece que sexamos quen de indicar estas posíbeis diferenzas, pois nin o tamaño nin os materiais atopados permiten aclarar esta cuestión.

Non todos os poboados castrexos foron habitados ao mesmo tempo, polo que resulta complicado establecer estas relacións que, moi probabelmente, existiron

É posíbel pensar en que os castros estaban interconectados entre si, isto é, que a nivel de coñecementos (cerámica, metalurxia, teares,...) había intercambios que posibilitaban un desenvolvemento de novas técnicas? Se esa relación existía, podemos determinar a que nivel xeográfico se podería dar? (isto é, se era a nivel de cuncas de ríos, só os costeiros ou zonas máis amplas).

Existen varios estudos interesantes neste sentido tratando de establecer estas posíbeis relacións de interconexión e até de certa dependencia entre os castros dunha determinada área, pero para poder coñecer realmente, e en extensión, estas situacións deberiamos contar con moitos máis castros escavados, pois nin a dimensión nin a ubicación do poboado ten que indicar, necesariamente, preeminencia.

Ademais non todos os poboados castrexos foron habitados ao mesmo tempo, polo que resulta complicado establecer estas relacións que, moi probabelmente, existiron.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios