Contracultura

Ana Justo: "Temos unha peza de Alejandra Murguía, unha figura que non ten a relevancia que merece"

Ana Justo foi a encargada de dar forma a Obxectomanía, unha exposición recentemente inaugurada no Castelo de Santa Cruz de Oleiros como unha oda ao coleccionismo.
Ana Justo traballa no Museo Os Oleiros-José María Kaydeda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Justo traballa no Museo Os Oleiros-José María Kaydeda (Foto: Nós Diario).

—Obxectomanía parte principalmente das doazóns de Jose María Kaydeda e Miguel Pampín Besteiro. Como encaixan ambas as coleccións?
A doazón feita por Jose María chegou en 1995 e foi a que deu orixe ao Museo Os Oleiros, que precisamente tamén leva o seu nome. Con esta chegou unha colección de olaría de todo o Estado español, unha das máis grandes e completas que existen. Tamén incluía unha cantidade importante de obxectos de todo tipo: pinturas, pezas arqueolóxicas e etnográficas, numismática, obxectos relacionados coa superstición... Ademais, Kaydeda tivo unha editorial que levaba o seu apelido, realizando a primeira edición facsimilar do Códice Calixtino. 

Posteriormente, chegou a doazón de Miguel, que era un médico ao que lle interesaban moito os temas artísticos, especialmente pintura e mobiliario, así como obxectos traídos das súas viaxes. Temos outras doazóns, mais de menor dimensión. O alcalde, Ángel García Seoane, quería pór en marcha unha exposición para que a veciñanza puidese desfrutar destas pezas e había que buscar unha maneira de darlle unha historia, un contexto, a todo isto. O que se me ocorreu foi facer unha homenaxe ao propio coleccionismo intentando abordalo desde distintos puntos de vista. Precisamente, o título de Obxectomanía vén un pouco xogar con esta idea, a obsesión que se desenvolve en certa maneira polos obxectos.

—A mostra está dividida en catro seccións. Cales son as pezas máis salientábeis de cada unha?
Situámola no Castelo de Santa Cruz porque, após trasladar o centro de documentación, xa había a intención de convertelo nun espazo expositivo para que a cidadanía puidese gozar dese lugar. Polo tanto, o espazo dispoñíbel tamén foi un pouco o que determinou a propia distribución das seccións. A primeira das salas destinámola a pintura, con 14 obras de artistas da Galiza con interese para a nosa comunidade.

Por exemplo, temos unha peza de Alejandra Murguía, unha figura que habería que recuperar porque non ten a relevancia que merece, ou unha acuarela de María Antonia Dans, na que descubrimos durante o proceso de preparación da exposición que pola outra cara tiña un autorretrato seu desbotado por ela mesma. 

A segunda sección ocupa a sala máis grande e contén todas as pezas relacionadas coa relixión. Contamos con diversas pezas como relicarios, exvotos ou un petitorio coas almas do purgatorio, que asociamos moito á relixiosidade do rural. Todo isto está exposto nun moble con caixóns extraíbeis, de maneira que as persoas teñan que descubrilas ao xeito dos coleccionistas. Aquí tamén temos un pequeno apartado dedicado ao esoterismo e á maxia, que non deixan de ser unha busca de respostas a través doutro tipo de prácticas. 

Na terceira sala está todo o que ten que ver co Amazonas e contamos coa única colección de cerámica desta zona que se pode visitar na Galiza. E xa por último, a cuarta sala era moito máis pequena que as outras, polo que decidimos crear a cámara das marabillas seguindo o exemplo das que existían durante os séculos XVI e XVII. Aí temos unha mestura de obxectos singulares, desde mobiliario ou gravados até unha vértebra de balea ou cranios de animais. Non é unha exposición para ver con présa. 

—É unha exposición permanente, mais as pezas irán mudando, non?
Isto é algo habitual porque por cuestións de espazo non sempre se poden expor todas as pezas. A idea é que cando chegue a apertura de vitrinas por mantemento fagamos tamén unha rotación, aproveitando para darlles un descanso a algunhas pezas que sofren coa luz e sacando outras para que poidan ser desfrutadas. Isto tamén lle dá o interese engadido de que non sempre van estar as mesmas pezas.

Tamén deseñamos un catálogo da mostra para pór á venda e intentaremos centrarnos nalgúns elementos da mostra para organizar actividades, por exemplo, obradoiros de xoiaría ou de estampaxe.

Comentarios