Ames recibe unha visita do Apalpador

O Apalpador parou en Ames cargado de agasallos para pasar a tarde desta sexta feira coa cativada.
O apalpador na súa viita a Ames (Foto: Eva Cid Rivas).
photo_camera O Apalpador na súa viita a Ames. (Foto: Eva Cid Rivas).

Esta sexta feira, o Apalpador fixo unha parada en Ames (comarca de Compostela) para visitar a cativada do municipio. Como o ano anterior, o Apalpador non foi só, pois o acompañaron os integrantes da Banda da Montaña, cos que cantou varias cancións. Ademais, o carboeiro foi cargado de libros e de agasallos da súa terra, a Serra do Courel (Quiroga), para todas as nenas e nenos que acudiron a velo. Así mesmo, tamén recolleu as cartas que as crianzas lle escribiron. 

Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de dinamización lingüística do Concello de Ames e organizadora do evento, explica que esta iniciativa se desenvolve "no marco do programa Apego, unha iniciativa de dinamización lingüística que intenta fomentar a transmisión da lingua aos pequenos e pequenas. Esa transmisión da lingua prodúcese nun contexto de lecer e de cultura, xa que así o galego entra de xeito natural na vida [da rapazada]".

Alén diso, cada neno recibiu unha árbore autóctona da Galiza e un "carné de árbore". Nesa especie de identificación os cativos escribiron o nome da súa planta, onde e cando a van plantar e que lle contarán á súa árbore antes de plantala. Moreiras afirma que "esta parte da actividade simboliza que como os nenos lle dan vida á lingua, as árbores lle dan vida ao noso planeta" e asevera que con esta iniciativa buscan que os nenos e nenas "teñan ese apego polo noso. Ese apego pola natureza e ese apego pola lingua". 

Comentarios