Certame literario "Un verán con Castelao"

"Amar non esquece", por Carmela González Patiño

IES Félix Muriel
Mural a Castelao inaugurado este ano en Ribeira. (Foto: Nós DIario)
Mural a Castelao inaugurado este ano en Ribeira. (Foto: Nós DIario)

O vento salgado da ría batía con forza os vidros da fiestra, facendo que tremese o marco vello de madeira. As ondas, de cor escura, rompían contra os cantís e o porto de pedra coma se quixesen reclamar o que lles fora arrebatado. Dentro da casa, o silencio facía eco entre as paredes húmidas. Só se escoitaba o crepitar da lareira e, de cando en vez, o chocar da culler contra a cunca de barro.

Xosé sentaba ao pé do lume, envolto nunha manta de la, cunha cunca de caldo quente entre as mans. Ollaba fixamente o fogo coma quen busca respostas nas lapas danzantes.

Os seus ollos, grises como o mar do inverno, agochaban historias que xa poucos querían escoitar. Era o último da súa xeración que quedaba na vila. Antes, aquela casa era un punto de encontro: mariñeiros que viñan contar as faenas, veciños que traían peixe fresco e mulleres que, arredor da lareira, falaban mentres cosían as redes. Agora, todo aquilo lle parecía un soño esvaecido.

Lembraba os días en que Rianxo rebulía de vida. O cheiro á frescura do peixe, o ruído dos motores das lanchas ao amencer e as voces da rapazada xogando entre as dornas varadas na area. A súa nai, Rosalía, pasaba as tardes sentada á porta da casa, coas mans sempre ocupadas, tecendo redes ou lavando peixe, mentres o seu pai, Manuel, pasaba as noites no Feliciano contando historias do mar coas mans manchadas de sal e tabaco.

Co paso dos anos, todo foi mudando. Primeiro, pechou a conserveira. Despois, marchou a mocidade toda, a buscar traballo ás cidades, engaiolada polas promesas dunha vida mellor. “Prometían futuro”, pensaba Xosé con amargura, mentres recordaba os rostros cansos de quen volvera cun contrato precario, un alugueiro impagable e unha saudade cravada no peito. As institucións falaban de modernización, de progreso... Pero o camiño seguía cheo de toxos, o médico viña unha vez ao mes e a escola da vila levaba vinte anos pechada.

Xosé sabía ben o que era traballar o mar. Comezou de rapaz, con tan só doce anos, axudando o seu pai a recoller as nasas. Era unha vida dura, pero había orgullo nela. O mar era mestre e tirano, pero tamén era sustento, tradición, identidade. Agora, as lanchas estaban cubertas de lonas, abandonadas no porto, e as bateas ían afundindo, cubertas de mexillóns que ninguén recollía.

Unha tarde, paseando pola beira da ría, atopara unha gamela medio afundida.

Achegouse a ela con coidado, como se se tratase dunha vella amiga. Pasou a man polas táboas esnaquizadas, coma quen acaricia unha ferida aberta. “Aquí pescaba o Xaquín, o irmán de Antía...”, murmurou. E de súpeto, a súa mente encheuse de nomes, de faces, de historias que se negaban a desaparecer.

Ao chegar a casa, colleu un anaco de madeira vello que quedara dunha das dornas que construíra co seu pai. Acendeu a lareira e sentou ao pé do lume e, entrementres recordaba os seus tempos mozos, cun coitelo, comezou a gravar, con man firme, unha frase que lle roldaba na cabeza había días: O mar non esquece a quen o traballa.

Lembrou as tardes na vila xogando ás agachadas cos seus amigos, as noites na casa da avoa ceando cos primos. Acordáronlle Eduardo, Rafael, Teresa, Josefina, Daniel... “Ai, ai, ai meu irmán Daniel!.” Eles sempre tiveran unha amizade especial.

A cabeza viaxou a aquela mañá de abril de 1937, ían os dous dando unha volta pola rúa de Abaixo cando un mozo, máis ou menos da súa idade, achegóuselles, visiblemente nervioso, e díxolles:

-Bo... Bo día, señor Castelao! -Tremíalle a voz-. Son moi, pero que moi fan seu. Grazas a vostede agora sinto a miña cultura. Gra...grazas. É o meu heroe!

-Mozo, o agradecemento é meu mais decátese de que o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos, contestoulle o intelectual.

Estas palabras retumbaron para sempre na mente de Xosé.

Logo, os dous foran ao Feliciano a tomarlle un viño e, cando ambos xa ían un pouco prexudicados, Castelao deulle a Xosé unha das novas máis complicadas de dixerir da súa vida.

-Terei que marchar.

-Como dis? Agarda un pouco, ho! Que estamos a pasalo xenial. Se te aburres, imos dar unha volta polo porto que de seguro hai algún mariñeiro que vén da faena.

-Non, riu, non me refiro a iso. Dígoche que terei que marchar de Galiza, da nosa terra.

-E lo? Pero como vas facer tal cousa? E que vai ser de Virxinia? Ti es parte desta terra, coma as pedras, coma o mar...

Castelao sorriu cos ollos tristes.

-Ela virá comigo. Non é porque queira, pero os tempos son escuros. Levarei Galiza no peito, coma sempre fixen. A nosa galeguidade provén da forteza do espírito, e aínda que carecemos de vontade ofensiva somos inexpugnables na resistencia. Alá onde vaia, a miña voz seguirá a ser galega. Pero aquí, corro perigo de morte. Lembra como acabaron con Alexandre o 17 de agosto.

-Entendo, marcha se tes que marchar pero volve. Galicia sen ti non é a mesma e ti es galego, galego de nación.

-Galiza vén comigo, no peito, na pluma e no pensamento. Sempre estarei en Galiza!

-Ben, alonguemos esta noite o máis posible. Polos vellos tempos!- brindou Xosé.

-Polos vellos tempos!

Ese día os dous volveron á casa cheos mais con mal corpo. Xosé nunca máis volveu saber do seu amigo e, aínda que o botaba de menos, sempre pensou que a súa vida mellorara en Arxentina.

-Esqueceríase de min, de Galicia?- Pensaba Xosé de cando en vez.

Dunha volta, nunha das súas escapadas polo vello porto Sinforosa, a mandadeira, sorprendeuno e agasallouno cun libro revolucionario que entrara no país ilegalmente, xa que a súa mensaxe galeguista estaba prohibida polo réxime fascista do estado.

Segundo lle dixo Sinforosa, en pouco tempo, a obra convertérase nun emblema do nacionalismo galego. Cando Xosé veu a portada quedou pampo: Sempre en Galiza. Castelao.

“Por fin publicaches o libro do que tanto me falaches”, pensou orgulloso Xosé coma se o seu amigo o puidera escoitar. E foi aí cando comprendeu que non se esquece o que se ama como o mar non esquece a quen o traballa.

Comentarios