'Once cancións e unha danza': a música popular galega versionada polo pianista Alberto Vilas

O álbum preséntanse como un paseo polo tempo e pola infancia desde o piano e coa perspectiva dun compositor de jazz e música contemporánea.
O pianista Alberto Vilas. (Foto: SML)
photo_camera O pianista Alberto Vilas. (Foto: SML)

O pianista Alberto Vilas estrea traballo discográfico, Once cancións e unha danza (AMG Music, 2023), un álbum co que entra desde o clásico e o jazz na música popular galega. O músico explicou que este proxecto naceu coa peza "Unha canción de Xan Carallás", hai cinco anos. A partir de aí foi evolucionando, recuperando cancións que teñen en común o feito de formar parte da cultura popular como "A Rianxeira", "A saia da Carolina", "Catro vellos mariñeiros"... ás que dá a súa particular visión.

Once cancións e unha danza preséntanse como un paseo polo tempo e pola infancia desde o piano e coa perspectiva dun compositor de jazz e música contemporánea de formación clásica, os xéneros transitados polo músico ao longo da súa traxectoria.

Vilas explica que as pezas foron "fantaseadas e coloreadas a través da miña imaxinación musical, dando así lugar a pezas verdadeiramente sorprendentes. Son pezas que levo escoitando toda a vida, que están no meu ADN musical e xurdiron de min dun xeito moi natural e case como unha necesidade”. 

Comentarios